O conxunto de Tomás de Dios saltará á pista con 2 puntos, tras os empates como locais ante Santiago Futsal (1-1) e Peñíscola (3-3); lonxe da casa as cousas non lle foron tan ben, caeu con Inter Movistar (11-2) e Santa Coloma (4-3). “É un equipo que defende moi ben e non baixa nunca os brazos; intenta xogar con marcadores apertados e non comete apenas erros porque asume poucos riscos” analizaba Juanlu, puntualizando que “debemos saír concentrados para golpear primeiro porque se se poñen por diante terémolo moi difícil”.
O técnico laranxa poderá dispoñer de todo o cadro excepto Hugo, que cumprirá o primeiro dos tres partidos que recibiu como sanción tras o encontro en Lugo; o novísimo Carlitos tamén entrará na convocatoria.
O 12 manacorí, que chegará este mediodía á Mariña, está configurado por Carlos Barrón, Miguel Medina, A. Vadillo, Chicho, Bruno, Joao, Joselito, Lemine, Manu Orellana, Toni Terrón, Pope e Vega.
Insulares e galegos xa se viron as caras na recta final de pretempada, con triunfo para os de Juanlu 1-0, en semifinais do Desafío Star Center de Santiago de Compostela.
Semana diferente
Os burelistas vivirán unha semana diferente, co desprazamento a Zaragoza para disputar a sexta xornada, o mércores 16 (21.00 horas). Tan só tres días despois, Vista Alegre gozará do segundo Día do Club, coa visita do xigante FC Barcelona (sábado 19, 18.30 horas).