Site icon Crónica3.com A Mariña

Os camiños de varias parroquias ribadenses serán amañados nas vindeiras semanas cun investimento de 76.000 euros

Ribadeo, 21 de outubro de 2013. Comezan estes días traballos de mellora e asfaltado en camiños de varias parroquias ribadenses. As obras financiadas pola Xunta, a Unión Europea, a Deputación de Lugo e o Concello suporán un investimento de 76.000 euros, segundo daba a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que “nestes vindeiros días imos iniciar unha nova fase de amañado e asfaltado de camiños en varios núcleos e parroquias do noso concello como Piñeira, Ove, Rinlo, Arante, Remourelle, en varias zonas da Devesa como Vilagüiz, Vilandriz e Noceda. Estes traballos fanse con cargo a dous programas, un entre a Xunta, a Unión Europea e o Concello e outro entre a Deputación e o Concello de Ribadeo. Trátase por unha banda á primeira anualidade do Agader e por outra ao Plan de Obras e Servizos complementario de 2013”.

Fernando Suárez dixo que “en total sumando as dúas partidas serán uns 76.000 euros os que se destinarán a continuar amañando camiños en todas as parroquias e actuando naquelas vías que se atopan peor ou que as asociacións de veciños nos pediron hai tempo. E digo que actuaremos agora antes de meternos no inverno, porque aínda que estes días poida chover algo o tempo non arrefriou e aínda se pode traballar. No inverno non debemos actuar nos camiños, cando chega decembro e xaneiro pode haber fochas e os veciños pódense ás veces desgustar un pouco, pero é que non podemos tirar os cartos no inverno, porque todo o que se faga con friaxe e con chuvia é diñeiro tirado, xa que de alí a vinte e pico días todo o que se fixo acaba sendo levantado outra vez pola auga e polo mal tempo”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “esta será a última fase que fagamos nesta parte final do 2013 e xa en marzo e abril do ano que ven será cando teremos que actuar con outros programas que temos como a segunda anualidade deste Agader, coma o POS do ano que ven, con fondos propios… sempre temos que estar actuando, pero debemos facelo cando o tempo o permite, cando as posibilidades administrativas o permiten e non soamente cando se producen as desfeitas, porque hai momentos no inverno que todo o que se fai é traballo e diñeiro tirado”.

Exit mobile version