Site icon Crónica3.com A Mariña

Os emigrantes retornados solicitan que os plenos aproben unha proposta de moción en apoio ás súas demandas

A Mariña, 3 de outubro de 2013. A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña inicia o venres 4, ás 20:00, na Casa do Concello de Viveiro, una xuntanza cos representantes institucionais da Mariña a fin de achegarlle a súa problemática e as súas reivindicacións. Nesta xuntanza o colectivo convoca aos alcaldes e aos Portavoces Municipais dos Concellos de Cervo, Xove, Viveiro, Vicedo, Muras e Ourol e na mesma os representantes dos afectados farán entrega dun documento coa súa análise da situación na comarca e coas súas propostas.

Segundo a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña “a práctica totalidade dos emigrantes que nos atopamos nesta situación son por razóns alleas a nós, xa que descoñeciamos da obrigatoriedade de tributar e tampouco se nos informou da mesma, a pesar de ser de máis de 50.000 os afectados na comunidade galega dos cales a metade residen nas provincias de Lugo e Ourense e atopándose persoas nesta situación na totalidade dos concellos da Mariña. Son estas as motivacións así como o interese por achegarvos a nosa problemática e alternativas as que nos levan a convocarvos e de xeito moi particular o noso convencemento da súa sensibilidade coas nosas demandas, demandas que comparten por ser a solución ao problema que se enfrontan veciños e veciñas dos seus concellos”.

No marco da xuntanza o colectivo achegou aos representantes institucionais alí presentes unha proposta de moción na que demandan o apoio destes concellos aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria. Asemade, solicitan demandar do Goberno do Estado a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias galegas de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios a partir do ano 2008, tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria. Na mesma liña, propoñen facilitar a regularización da situación do período 2008/2012 sen fixar para as persoas que se atopen nesta situación nin recargos, nin intereses de demora,o inicio dunha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008 e 2012, a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a producirse no futuro e unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados.

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña agarda “a sensibilidade debida das corporacións locais coas demandas veciñais e nese sentido agarda que os Plenos dos diversos Concellos da Mariña apoien estas demandas, alén das consideracións que no plano político poidan facer as diversas forzas con representacións nas corporacións locais da Comarca. A nosa vontade desde o primeiro momento foi sacar este tema do debate partidista e en coherencia co anterior non nos manifestamos respecto das responsabilidades da situación posto que pensamos que se trata de mirar cara adiante, e nese camiño debemos ir todos xuntos posto que esta estafa afecta a veciños de todos os Concellos da Mariña e con opcións no ideolóxico do máis diverso”.

Desde a Asociación, “valoramos moi positivamente os resultados da xuntanza celebrada o mércores en Ribadeo, na que logramos o apoio de todos os alcaldes e grupos municipais presentes, o que nos mantén na idea de presentar mocións en todos os plenos municipais da comarca demandando ese apoio a todos os veciños e veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria, e que esperemos se aproben por unanimidade”.

Exit mobile version