Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Burela afirman que “Llano dispuxo de máis de 5 millóns de euros para facer a gardería e optou polo despilfarro en farolas de deseño”

Burela, 14 de outubro de 2013. O equipo de goberno burelés asegurou hoxe que “o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Burela para a construción dunha nova gardería está asinado, e ben asinado. O PSOE votou en contra, e alá el coas súas responsabilidades”, respondendo así ás críticas vertidas nas últimas horas por parte dos socialistas.

O goberno burelés indicou que “calquera entende que non teremos solo dotacional en tanto non se aprobe definitivamente o Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e que mentres iso non aconteza non se pode licitar a obra, nin por suposto facela; por iso optamos por retirar a aportación municipal do presente ano para facer a obra”. E engaden que “parece que todo o mundo entende o do terreo, porque xa o explicamos algunha vez; todo o mundo menos o PSOE, instalado nunha deriva de crítica sistemática lonxe do que debe ser un partido que estando na oposición actúa de forma responsable, por ter sido a metade dun goberno municipal”.

O equipo de goberno popular de Burela lembrou que “as condicións dos convenios entre administracións para construír garderías fixounas o Sr. Gabilondo, derradeiro ministro de Educación dos gobernos Zapatero. De feito, a nova gardería de Burela está incluída no programa Educa-3, asinado en novembro de 2011 entre o Sr. Gabilondo e a Xunta de Galicia. Por iso ou respectamos as regras do xogo, ou non temos nova escola infantil”.

Pero o goberno burelés vai máis aló: “Burela puido contar cunha nova escola infantil, o Sr. Llano tívoo moi doado. Gastouse practicamente oitocentos mil euros en farolitas de deseño para non facer ningún aforro enerxético, cando con eses cartos puido comprar un par de solares, tal e como lle pediu o PP estando na oposición, e facer non unha, senón dúas escolas infantís de 41 prazas cada unha”. O equipo de González Barcia afonda no asunto e afirma que “o bipartito burelés gastouse nada máis e nada menos que un millón oitocentos mil euros do Plan E; un millón do plan extraordinario de obras da Deputación; o remanente que nós deixamos en 2007 e que ascendía a un millón douscentos mil euros, e por riba deixaron sen pagar un millón trescentos mil euros. Ou sexa, tiveron nas mans cinco millóns trescentos mil euros e non foron capaces de facer nada de nada pola segunda escola infantil, o que demostra ata onde chega a capacidade de derroche do Sr. Llano e os seus acólitos”.

O equipo de goberno burelés asegura que “agora, nunha situación económica complexa e nada doada, o PSOE pide que o Concello non gaste un peso. Non se pode actuar con máis cinismo e ser máis irresponsable, xa que sabemos, e eles tamén, que se o Concello non pon nada, non haberá nova escola infantil e perderemos unha ocasión para asentar e ganar poboación e crear emprego”.

Finalmente, o equipo de González Barcia afirma que “exactamente igual que un goberno municipal do PP fixo toda a actual escola infantil en dúas etapas, con moito esforzo e sacrificio, tamén con moito esforzo e sacrificio acometemos a segunda escola infantil. Se o PSOE se quere sumar ó proxecto, benvido será, aínda que o probable é que siga pola crítica sistemática que pouco ou nulo rendemento electoral lle reportará”.

Exit mobile version