Os populares explican que as propostas trasladadas son un resumo das iniciativas levadas a pleno co obxecto de fomentar unha maior implicación da Deputación de Lugo e ás que o equipo de goberno da administración provincial votou en contra. “Co traslado destas propostas pretendemos que o Consello se converta nun órgano activo e representativo de todos os concellos, ao tempo de velar polo cumprimento dos intereses locais”, matizan os populares.
“Os deputados do PSOE e do BNG cansaron de votar en contra de propostas populares sobre a nova creación de plans de cooperación cos municipios, sobre o fomento do emprego ou sobre a implantación dun trato igualitario entre os concellos”, explican dende o GPP, polo que “consideramos necesario trasladar de novo estas iniciativas, antes de rexistrar outras”.
Propostas
Os populares pediron que o Consello Provincial vele para que a Deputación saque un plan de cooperación cos concellos ambicioso e que realmente supoña unha axuda aos municipios da provincia, dotado dunha maior achega económica, que se aprobe antes e no que se garanta o principio de autonomía local.
O cumprimento da normativa, neste caso a de benestar, é outras das demandas que os representantes dos populares puxeron de manifesto; evitando así o afogo dos municipios.
Ademais os populares tamén consideran que o Consello é o foro de debate adecuado para analizar a posta en marcha dun plan de emprego que, con vocación de continuidade, se sustente nos sectores estratéxicos e con futuro da provincia, garantindo os principios de libre concorrencia e en cuxa elaboración interveñan os municipios.
A reivindicación do principio de igualdade entre os municipios, levou tamén aos populares a propoñer o establecemento de criterios racionais para a solicitude dos recursos públicos, dependentes da Deputación, tal e o caso do parque móbil.
O Consello Provincial de Cooperación e Asistencia
O Consello Provincial de Cooperación e Asistencia é un órgano de concertación, participación, seguimento e avaliación, que segundo os populares, debe ser un “órgano vivo e representativo dos municipios da provincia”.
Así, integrado polo deputado delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos; por un deputado de cada grupo político e por tres alcaldes da provincia; este Consello debe participar na elaboración dos plans desta área, propoñer programas, accións, fomentar a xestión conxunta, fomentar a cooperación, asistencia e traballo, entre outros.
Deste xeito, o PP, interesado polos concellos, reitera a necesidade de que este órgano se active e se converta nun órgano de representación dos municipios, para trasladarlle as súas demandas ao equipo de goberno da Deputación de Lugo.