Mondoñedo, 11 de outubro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo pon en valor a importancia da colaboración da administración autonómica co municipio que vén de achegar ao Concello de Mondoñedo os recursos precisos para financiar programas de prevención da violencia de xénero, fomento da conciliación e promoción da igualdade entre homes e mulleres.
Os populares fixeron estas declaracións tras ter constancia de que a Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Mondoñedo preto de 30.000 euros, -29.662,39 euros-, para traballar a prol da igualdade .
Estas axudas inclúen apoios ao Centro de Información á Muller (CIM), con recursos específicos para os programas de asesoramento xurídico e psicolóxico, en especial, para posibles vítimas en casos de violencia de xénero. Os 29.212,39 euros concedidos con esta finalidade, distribúense en 5.019,11 para asesoramento xurídico; 14.000 euros para asesoramento psicolóxico; e 10.193,28 euros para subvencionar un axente de igualdade.
A maiores, o goberno galego concede unha axuda económica de 450 euros para a elaboración do IV Programa de Promoción e Igualdade entre mulleres e homes (IV PIOM) 2013-2016.
Polo tanto, os populares agradeceron unha vez máis a boa disposición posta de manifesto por parte da Xunta de Galicia co municipio, atendendo ás reivindicacións dos mindonienses e colaborando en áreas de importancia para o municipio, como a turística, a de infraestruturas ou a de igualdade.
Petición dos populares
Pola súa banda, os populares locais tamén dirixiron un escrito ao alcalde, Orlando González, co obxecto de que o Concello de Mondoñedo inicie de maneira inmediata as xestións oportunas co organismo autónomo, Augas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para tramitar os acometidos de limpeza no leito do río San Lázaro.
Os populares dirixiron esta petición despois de que os veciños do barrio de San Lázaro trasladaran a necesidade de que se realicen obras de conservación e mellora no leito do río.
Dende o Partido Popular explican que é necesario darlle inicio a este tipo de accións que facilitarán o discorrer da auga e mellorarán as condicións medio ambientais e estéticas dos contornos fluviais do río.