Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas advírtenlle á Xunta que “ou cambia o modelo e busca aliados ou a flota galega vai desaparecer de tódolos caladoiros”

Santiago de Compostela, 03 de outubro de 13. A deputada socialista Marisol Soneira advertiulle este xoves á Xunta que “ou cambia o modelo e busca aliados e socios ou a este paso a flota galega vai desaparecer de tódolos caladoiros internacionais”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia sobre o acordo pesqueiro da UE con Mauritania.

Soneira advertiu que a ratificación deste acordo polo Parlamento Europeo suporá a virtual desaparición da flota cefalopodeira galega, mentres o goberno central “busca que sexa aprobado aínda que sexa co voto en contra dos deputados españois”. Así o dixo logo de sinalar que, malia que prexudica seriamente aos cefalopodeiros, “hai sectores e comunidades autónomas que saen beneficiadas”.

Reclamoulle así ao goberno galego que busque unha posición de forza a través de alianzas con outras comunidades autónomas con sectores tamén afectados polo acordo, como é o caso de Canarias.

Soneira sinalou que o eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo xa ten anunciado o seu voto en contra deste acordo, xunto cos eurodeputados de Canarias, e preguntoulle ao PP si os seus representantes no Parlamento Europeo, maioritariamente composto por deputados conservadores, van ratificar o acordo.

A deputada socialista criticou que a realidade detrás das condicións prexudiciais impostas para os cefalopodeiros galegos é que Mauritania ten atendido aos intereses doutros países como China. Criticou que os galegos sexan expulsados do caladoiro mentres a UE importa contedores de polbo de Mauritania.

Tailandia
A parlamentaria socialista presentou tamén hoxe unha pregunta ao goberno galego na que lle reclamou que explique as xestións diante do eventual asinamento dun acordo de libre comercio con Tailandia, en contra dos intereses dos conserveiros e do sector pesqueiro galego.

Reclamou que o goberno galego “deseñe unha estratexia de alianzas para que os terceiros países xoguen coas mesmas regras que xogo que temos aquí”. Advertiu que as importacións destes países resultan un 30 por cento mais baratas porque producen en condicións de explotación laboral, sen garantías hixiénico – sanitarias e agora se lles retiran os aranceis, prexudicando á industria galega.

Exit mobile version