Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela denuncian “a falta de compromiso do equipo de goberno do PP co patrimonio cultural da vila”

O G. M. Socialista de Burela quere denunciar a falta de compromiso que o equipo de goberno do PP ten co patrimonio cultural da nosa vila, tal e como quedou demostrado no pasado Pleno Ordinario, no que o PP votou en contra da moción presentada polo G. M. Socialista na que se pedía o apoio para solicitude de Ben de Interese Cultural para a Igrexa da Vila do Medio e para as súas pinturas feita polo C. C. Buril hai xa uns meses ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O goberno do Partido Popular decidiu votar en contra de solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural para a mencionada igrexa, alegando que hai un expediente aberto froito dunhas xestións que xa un goberno popular fixera no ano 2006 e ante iso non temos máis que dicir que non nos cremos que ese expediente exista, posto que a lei de Patrimonio Cultural de Galicia é clara ao respecto e establece uns prazos para resolver os expedientes, e despois, estes caducan. Polo tanto, hai dúas opcións, ou ben o Alcalde minte, ou ben se está a cometer unha ilegalidade. Tamén di o Alcalde que xa queda protexida a Igrexa no PXOM. Nós dicímoslle que só lle faltaba que quedara sen protección no PXOM e que se trata dunha protección mínima, posto que a declaración de Ben de Interese Cultural é a máxima protección que un ben patrimonial pode acadar, e que por certo, ben o merece a nosa Igrexa da Vila do Medio.

Queremos aproveitar tamén para manifestar publicamente o noso apoio ao traballo feito polo C. C. Cultural Buril nesta e noutras ocasións, especialmente agora que ven de quedarse sen subvención algunha despois de estar a facer un importantísimo traballo no noso pobo, xa que podemos afirmar que, grazas ao Buril, e non precisamente grazas á Concellería de Cultura, existe unha axenda cultural na nosa vila.

Rematamos afirmando que, se algunha vez se consigue a ansiada declaración de Ben de Interese Cultural para a Igrexa da Vila do Medio e as súas pinturas, non será precisamente grazas ao PP, posto que o seu voto en contra quedará sempre na nosa memoria.

Exit mobile version