Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela están “de acordo con que Burela conte cunha nova gardería, pero non a calquera prezo”

Dende o PSdG-PSOE de Burela queremos explicarlles ós veciños e veciñas de Burela a nosa postura ante a tan anunciada gardería infantil, da que se firmou un convenio coa Xunta de Galicia para a súa construción.

Primeiro de todo queremos manifestar que co convenio firmado a Xunta de Galicia do Partido Popular fai unha deixadez de funcións alarmante, e o equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela é cómplice de que isto se produza. Queremos lembrarlles ós veciños e veciñas de Burela que a Xunta de Galicia e a súa Consellería de Benestar ten as competencias nesta materia, e non entendemos como o Concello de Burela asume uns gastos que van a hipotecar ós veciños e veciñas de Burela por moitísimo tempo (recordar que o Concello de Ribadeo renunciou a este convenio por consideralo inasumible).

O convenio asinado compromete ó Concello de Burela a investir 232.395,10 euros (máis de 38 millóns das antigas pesetas) na construción da infraestrutura, poñer a disposición da Xunta os terreos libres de cargas e gravames para a execución da obra e o compromiso por parte do Concello de Burela a atender os gastos de funcionamento unha vez construído.

Todo isto fai que dende o PSdeG-PSOE non sexamos partidarios deste acordo asinado. Por suposto que estamos de acordo con que Burela conte cunha nova gardería, de feito o noso programa electoral contemplaba esta infraestrutura, pero non a calquera prezo. Máis tendo en conta que o Concello de Burela ten a posibilidade de habilitar locais que xa ten á súa disposición para que poidan utilizarse como gardería infantil, e entendemos que coa parte da inversión que está disposta a facer a Xunta de Galicia sobre uns 348.000 euros, se podería acondicionar perfectamente algún destes locais dos que dispón o Concello para gardería infantil sen que lle custara nin un só euro os veciños e veciñas de Burela, e seguro que con máis de 41 prazas que a todas luces, e baseándonos na previsión de crecemento de Burela que fai o propio equipo de “desgoberno” de Burela no PXOM, son totalmente insuficientes.

Neste senso a falla de peso político e os intereses partidistas do equipo de “desgoberno” de Burela estiveron unha vez máis por riba dos intereses dos veciños e veciñas de Burela, e prefiren hipotecar ó futuro de Burela a facer propostas ante a Xunta de Galicia que supoñan un beneficio real para os veciños e veciñas de Burela.

Exit mobile version