Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian a “desaparición” de Feijóo diante do peche das cotas de pesca para os buques galegos

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, denunciou este xoves a “virtual desaparición” do presidente da Xunta e da conselleira de Pesca diante do peche das cotas de pesca para os buques galegos. O responsable advertiu que os 30 buques e 200 tripulantes galegos que están actualmente en terra poderían acadar 60 buques e 400 tripulantes nas próximas semanas.

O responsable socialista denunciou a falla de acción política do PP e do goberno galego logo de que a secretaría xeral de Pesca do Ministerio comunicara aos armadores que non poderían volver a traballar ata o vindeiro 1 de xaneiro por teren consumida toda a cota das especies autorizadas para capturar este ano.

Val puntualiza que “todos sabemos que os informes científicos din que a pescada se atopa nun momento excelente en niveis de rendemento máximo sostible, como acreditan os propios profesionais do mar”. Esta situación fai que “unha solución sexa posible, e o único que se precisa é acción política e un goberno con peso político”.

Mofa
Acusou ao PP de “mofarse” do sector ao presentar no Parlamento iniciativas para esixirlle á UE un aumento de 14.000 toneladas na cota de pescada para o ano 2013 mentres o goberno permanece “desaparecido”, o que demostra que “o único obxectivo é lavarse a cara diante do sector”.

O parlamentario socialista puntualiza que “non chega con levar iniciativas ao Parlamento e aprobalas por unanimidade, un Goberno debe de facer algo mais por un sector que o propio Feijóo definiu como estratéxico no debate do Estado da Autonomía”. Advertiu que “de non solucionarse a situación non só se vería afectados os profesionais do mar, senón tamén centos de empregos indirectos que dependen do sector”.

Exit mobile version