Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas solicitan unha certificación de que todo o expediente do Plan de Emprego Xuvenil se atopa no rexistro como asegura o alcalde

CERVO, 10 DE OUTUBRO. Os socialistas de Cervo, fartos de disculpas e rodeos por parte do goberno, veñen de rexistrar esta mañá no Concello unha solicitude na que piden “unha certificación de que toda a documentación obrante no expediente do Plan de Emprego Xuvenil está custodiada nas dependencias do Rexistro Xeral, segundo consta nun escrito remitido polo Concello de Cervo ó Grupo Municipal Socialista a finais do mes de setembro. Por máis que o intentamos comprobar, a realidade é que non se nos está a facilitar o acceso a toda esa información”.

Os membros do Grupo Socialista aseguran que o convenio regulador de colaboración entre o concello de Cervo e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) está rexistrado con Nº de entrada 2318 e data 06/06/13, “é precisamente no propio convenio onde podemos ler tódolos requisitos e obrigas do Concello, como o cumplimento das bases que rixen dito convenio, facer constar a identidade dos beneficiarios, as datas de inicio e fin, o plan de formación, designar tutores para cada bolseiro, e un longo etc”.

Despois de ler toda a documentación que está á disposición da oposición, os socialistas pregúntanse “onde están as bases do Plan de Emprego Xuvenil e por qué non se nos facilita a súa consulta, onde está o anexo que recolle quen son os beneficiarios así como a duración da súa beca e o seu plan de formación e por qué non se nos facilita, onde están as designacións dos tutores de cada un dos beneficiarios e por qué non se nos facilitan, cal foi o procedemento de selección dos beneficiarios e por qué non se nos facilita e onde está o informe de intervención indicando que existe partida de crédito orzamentaria para acoller este convenio e por qué non se nos facilita”.

Secretismo incomprensible
Lembran que pasados case dous meses dende que solicitasen esta mesma información e se lles dese a mesma resposta, “seguimos sen entender o secretismo no que se escuda o señor Alfonso Villares ó abordar este asunto. O único que publicou o Concello ó longo de todo este proceso foron os requisitos para ser beneficiario do convenio e fíxoo a través das redes sociais, substitutas das vías de información oficiais. Non nos parece normal a actitude do equipo de goberno ante este tema, estamos no noso dereito, como oposición, a revisar todos e cada un dos pasos de dito proceso. Como representantes dos veciños, cremos que estamos obrigados a aclararlles esta falta de transparencia total e absoluta”.

En definitiva, os socialistas de Cervo subliñan que “están a vulnerar os nosos dereitos na realización das tarefas propias de oposición de forma tendenciosa, intencionada e constante, solicitamos varias veces o expediente e toda a documentación relativa a este proceso e estásenos a denegar continuamente. Agardamos que á terceira vaia a vencida porque estamos dispostos a chegar a onde faga falta para aclarar este asunto”.

Exit mobile version