Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas subliñan que o PP “boicotea” a Axuda no Fogar en Xove ó rexeitar que se esixa á Xunta realizar un maior investimento neste eido

Os socialistas de Xove lamentan que o Partido Popular rexeitase a moción debatida no Pleno celebrado onte, e na que se instaba á Xunta de Galicia a aumentar o investimento destinado a financiar o servizo de Axuda no Fogar neste Concello. O voceiro Alberto Santos, acusa ó Alcalde e ós seus compañeiros de Partido de “boicotear claramente” este servizo tan demandado no municipio e tan necesario para os veciños. Deste xeito, considera “inadmisible a actitude do PP, pois en vez de priorizar o benestar dos cidadáns só lle preocupa non molestar ós seus compañeiros da Xunta de Galicia. Non vai ser que Feijóo se enfade…”, engadiu.

Neste senso, Santos lembrou que a administración autonómica está a xerar un bloqueo preocupante destas prestacións non só en Xove e na provincia, senón tamén en toda a comunidade, provocando así situacións dramáticas tanto social como economicamente nas familias destinatarias das axudas e nos profesionais especializados na atención sociosanitaria.

O Partido Popular está a manter “unha liña errática”
Segundo o socialista, o Goberno galego está a manter “unha liña errática”, que se traduce nun baleiro de xestión e nunha situación de desgoberno en materia de servizos sociais. Deste xeito, criticou que aprobase o pasado ano unha norma de rango regulamentario –o Decreto 99/2012 de 16 de marzo- no que se pretendía alterar o réxime competencial que establecen o Estatuto de Autonomía de Galicia e a lexislación de Servizos Sociais, coas conseguintes consecuencias orzamentarias para o resto das Administracións Públicas implicadas e que, igual que a Deputación de Lugo, xa tiñan o seu Orzamento aprobado e moi avanzado no seu nivel de execución.

Mediante esta tentativa, a Xunta, subliñou, unicamente pretendía deixar de aboar os cartos e trasladar esta competencia ás Deputacións e Concellos, desentendéndose así da xestión dos servizos sociais comunitarios nos municipios de menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia de Lugo, son todos agás o da capital.

En contraposición á xestión levada a cabo pola administración autonómica neste asunto, destacou, a Deputación, sen ter competencias na materia, fixo un esforzo inversor importante ó incrementar en 2013 un 50% a a achega provincial para este Servizo, pasando de 600.000 euros nos últimos dous anos a 1,1 millóns nesta anualidade.

“Feijóo decidiu dun día para outro que non poñía máis cartos para a Axuda no Fogar, que a paguen outros… Pola contra, o organismo provincial, en defensa do interese dos lucenses, subvenciona a Axuda no Fogar, aportando o dobre de investimento. Esta é a diferenza entre uns e outros: mentres os socialistas loitamos por garantir o Estado de Benestar, os gobernos do Partido Popular non só o eliminan senón que, como en Xove, impiden claramente calquera iniciativa que vaia destinada a impulsalo”.

Santos denunciou así que o Decreto aprobado en marzo só inclúe o financiamento dunha unidade de convivencia por cada 550 habitantes. Isto implica que un Concello que non chega ós 5.000 habitantes, como pode ser o de Xove, e no que o programa pode alcanzar os 25 traballadores, a plantilla se vexa reducida practicamente na súa totalidade.

Esta situación, subliñou, tamén se produce nos municipios máis poboados da Mariña. Viveiro, por exemplo, con 16.000 habitantes deixou de percibir máis de 42.000 euros polo servizo de axuda a domicilio de libre concorrencia e máis de 60.000 para persoal doutros programas de atención sociosanitaria; afectando así a máis dunha vintena de postos de traballo.

A reforma local non mellora a xestión deste servizo
O voceiro socialista, subliñou, ademais, que o despropósito e desgoberno actual tanto en Galicia como no Estado, móstrase con “cruel claridade nesta materia”, posto que en datas recentes anunciouse por parte do Goberno de España o Anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, na que se avanza que “a titularidade das competencias que se prevían como propias dos Concellos relativas á prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social, corresponderá ás Comunidades Autónomas”.
Desta forma, considera que a falta de comunicación e entendemento entre os gobernos galego e español é evidente, pois están a lexislar de forma contraria o mesmo servizo. “O primeiro que teñen que facer é poñerse de acordo. Pero mentres e non… que os Concellos e a Deputación se fagan cargo destas prestacións se queren mantelas. Os do PP están acabando con todo, están desmantelando a Educación, a Sanidade e os servizos públicos”, concluíu.

Exit mobile version