Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG de Barreiros é unha auténtica burla que no PXOM o PP siga favorecendo ás grandes urbanizacións a costa de roubarlles solo de núcleo rural ás parroquias

Barreiros, 26 de outubro de 2013. Tal e como tiñan anunciado en semanas pasadas, os nacionalistas barreirenses comezarán a vindeira semana a informar sobre o documento inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se coñece ao ser sometido a información medioambiental.

“A pesar de que aínda non está aberto o proceso de alegacións para particulares propiamente dito, queremos comezar a informar sobre o proxecto, á vista da complicación que ten habitualmente a tramitación dun plan xeral e da que se pode dar no caso concreto de Barreiros”, explican desde o BNG.

“Coa documentación pública que hai ata o momento, comprobando a proposta de reparto de chan e comparándoa coa que contemplaban as normas subsidiarias do 1994, pode verse facilmente cal é o espíritu co que se elabora este plan. A zona interior do concello queda practicamente sen bolsa de solo de núcleo rural, salvo onde xa existen vivendas e, aínda non en todos os casos; mentras a zona costeira, onde se sitúan as grandes promocións inmobiliarias dótase dunha grande bolsa de núcleo urbano para darlle cobertura a esas construccións”, aseguran os nacionalistas. “Todo o solo de núcleo rural que se contemplaba normalmente ao longo dos principais viais das parroquias da zona interior desaparece para trasladalo á zona costeira.”
Polo tanto, para o BNG, o que fai este PXOM é “perpetuar a xa histórica discriminación das parroquias do interior do concello fronte ás parroquias costeiras.” Os nacionalistas insisten en que “a zona sur non só está sen practicamente ningún servizo e queda esquecida tamén no plan sectorial e, polo tanto, nos orzamentos da Xunta; senón que, ademais, con este PXOM, queda tamén sen posibilidade de construír sequera vivendas unifamiliares.”

“Todos os esforzos de Alfonso Fuente e do Partido Popular van encamiñados unha vez mais a favorecer ás grandes promotoras, ignorando totalmente ás parroquias, tal como se puido comprobar cando con 14 millóns de euros de cartos públicos se intenta premiar aos protagonistas da desfeita urbanística e non destinan nin un só euro para dotar de servizos ás parroquias da zona sur”, afirman os nacionalistas, que continúan decindo que “non é explicable que cando moitos promotores están renunciando ás licenzas, no PXOM se lles siga poñendo mais solo urbano a esas urbanizacións e restándolle ás parroquias”.

Charlas informativas en Cabarcos e Vilamar
Para presentar a documentación que ata o momento hai exposta e explicar o procedemento de tramitación e alegacións ao plan, os nacionalistas convocan ás veciñas e veciños de Cabarcos a asistir a unha charla informativa que terá lugar este martes, 29 de outubro, ás 20:30horas nas escolas de Cabarcos.
O mércores 30 tócaralle o turno á parroquia de Vilamar que, á mesma hora, acollerá outra charla informativa tamén nas escolas.

Os nacionalistas informan que ao longo destes meses, sen a premura dos prazos de alegacións enriba, irán percorrendo as distintas parroquias do concello para informar destas cuestións.

Exit mobile version