Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira: “Ao PSOE moléstalle que destinemos 35.000 euros ás bolsas de formación dos nosos mozos”

Cervo, 12 de outubro de 2013-A concelleira de Emprego, Yolanda Pedreira, lamentou este sábado que ao grupo municipal socialista “lle moleste que apostemos polo emprego xuvenil e apoiemos aos nosos mozos con bolsas de formación”. A edil asegura que dende que o PSOE comezou a preguntar por esta iniciativa, no mes de xuño, “lles temos informado abertamente de que poden consultar a documentación no Rexistro Xeral, e se a tivesen lido entenderían todos os detalles, porque o funcionamento das bolsas e doado, claro e transparente”.

Pero en vista de que “lles resulta moi difícil ler uns poucos folios de información, ímoslles facer o traballo” engade Pedreira. “As bolsas de formación para a mocidade funcionan da seguinte maneira: FEUGA establece unhas bases de contratación e realiza a selección dos mozos e o Concello financia as bolsas. É tan complicado?” pregunta a edil.

Pedreira considera “preocupante” que ao PSOE cervense “lle doa” que invistamos no emprego xuvenil e que este ano destinásemos 35.000 euros a estas bolsas, “pero aínda lles vai doer máis o ano que vén, porque imos dedicar aínda máis cartos a esta iniciativa”.

Exit mobile version