Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira di que nas xuntas de goberno de Cervo “traballamos para os veciños” mentres nas da Deputación “multan aos veciños”

Cervo, 31 de outubro de 2013-A edil de Economía, Yolanda Pedreira lembroulle este xoves ao PSOE de Cervo que a súa voceira, Lara Méndez, cobra 15.000 euros máis que cinco edís do Concello xuntos. En concreto, Méndez cobra como vicepresidenta da Deputación case 60.000 euros, unha contía que “chega de sobra para pagar as tres dedicacións parciais do Concello, a asistencia a Xuntas de Goberno Local doutros dous edís, e aínda sobran 15.000 euros” explica Pedreira.

Uns datos que a edil sacou a relucir despois de que os socialistas cuestionasen a importancia de celebrar as Xuntas de Goberno Local. “As comisións forman parte dos órganos de goberno que existen en todos os Concellos” engade.

“Unhas comisións moi útiles nas que se resolven expedientes e se tratan asuntos en favor dos veciños de Cervo, a diferenza do que ocorre nas comisións de goberno da Deputación, onde a veciña de San Cibrao e voceira do PSOE dedícase a aprobar multas contra os veciños de Cervo, a última de 20.000 euros”. Pedreira asegura que “vendo ao que dedican o tempo os socialistas nas comisións de goberno da Deputación, entendemos que non lles parezan reunións útiles” pero “no Concello de Cervo son vitais para o funcionamento do municipio e para que os veciños vexan solucionados os seus problemas de forma áxil e efectiva”.

Pero ademais, a edil compara as labores e a implicación duns e doutros: “Fronte a unha veciña de San Cibrao que se dedica a sancionar aos veciños está o traballo diario e constante de cinco concelleiros que fan unha importante labor para Cervo dende as delegacións de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Sanidade; Deportes; Educación, Servizos Sociais, Igualdade e Obras; Seguridade Cidadá e Zona Rural; e Facenda, Emprego e Xuventude”. Unhas áreas de traballo, todas elas, dende as que “tentamos mellorar o noso municipio e axudar aos nosos veciños, fronte á oposición destrutiva do grupo socialista ou as multas da Deputación”.

Exit mobile version