Site icon Crónica3.com A Mariña

Pilar García Porto: “Lugo non merece este trato da Xunta”

porto-muralla-xuntaCoa imaxe da Muralla de Lugo totalmente a escuras, situación na que se atopa dende hai anos “porque o desprezo do Goberno galego pola nosa provincia chega a tal punto que se nega a iluminar o adaver do monumento Patrimonio da Humanidade co que todos os lucenses nos sentimos identificados”, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, exemplificou este mércores “o castigo ó que a dereita de Feijóo ten sometido ós lucenses”. García Porto subliñou que “este castigo agudízase máis aínda se cabe no Orzamento da Xunta para 2014”, polo que anunciou que o Goberno Provincial aprobará unha moción no Pleno para manifestar o seu rexeitamento ó Presuposto autonómico e esixir que se incrementen as partidas para políticas activas de emprego e gasto social, porque “Lugo non merece este trato da Xunta.

“Feijóo goberna dando ás costas ós cidadáns. So así se entende que abandone definitivamente as políticas activas de emprego, reducíndoas en máis de 200 millóns de euros en cinco anos, cando en Lugo contamos con case 26.000 desempregados. Feijóo renuncia á loita contra o paro e á prestación de servizos sociais, acumulando xa un total de 4.000 millóns de euros menos en gasto social”, remarcou a Deputada.

Neste senso, García Porto destacou que “Feijóo volta a deixar ós lucenses sen os servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Todo isto, malia as reiteradas reclamacións veciñais, cando a Federación de Asociacións de Veciños en Lugo leva recollidas 27.000 firmas para presentar unha iniciativa parlamentaria coa que esixir a dotación destes servizos na provincia. Feijóo ignora ás demandas dos lucenses, ó igual que Barreiro, que aínda non aclarou a súa postura, ou Balseiro, Raquel Arias e Elena Candia, que non aínda non asinaron, dando ás costas ós veciños, ó rexeitar esta iniciativa cidadá”.

No Orzamento da Xunta para 2014 constátase que a ampliación do Hospital da Costa, “prometida ata en 6 ocasións por Feijóo, non será unha realidade tampouco o vindeiro ano, tendo en conta a irrisoria cantidade que se adica a estas obras”, engadiu.

Recortes de 33 millóns de euros
“Feijóo mente cando asegura que o Orzamento da Xunta para 2014 está envorcado coa Galicia interior”, remarcou a Deputada. As partidas destinadas a infraestruturas en Lugo redúcense en 33 millóns de euros con respecto ó ano pasado, “deixando clara a política da dereita das dúas velocidades para a Comunidade galega”, engadiu.

Deste xeito, logo de que o Goberno de Rajoy deixase sen fondos o Corredor da Mariña dende Ferrol a Barreiros, “o Executivo de Feijóo segue os seus mesmo pasos”, achegando tan só 700.000 euros ó treito lugués da Vía de Alta Capacidade de Ferrol a San Cibrao. “Os recortes de Rajoy e Feijóo someten á incerteza a execución de dúas infraestruturas, o Corredor e a VAC, vitais para a vertebración das comunicacións da Mariña. Na mesma incerteza se atopa o acceso ó porto de Burela, outras obras prometidas en ducias de ocasións polo Goberno de Feijóo, ás que só se achegan 860.000 euros”, apuntou.

Ó respecto da zona Sur, García Porto destacou que para a conexión do porto seco de Monforte desaparecen 3,5 millóns de euros con respecto ó ano pasado. Feijóo tampouco compensa o recorte de 8,6 millóns de euros que fixo no 2013 para a VAP Sarria-Monforte, cando este ano achega 7,9 millóns de euros.

A Xunta mantén paralizados ou directamente elimina “proxectos vitais para o progreso de Lugo” no Orzamento da Xunta para 2014. Por primeira vez, quedan sen presupostar os proxectos do Museo da Romanización ou a rehabilitación do Cuartel de San Fernando. O orzamento para o Plan Paradai, que a Xunta leva dous anos paralizando, só se incrementa en 400.000 euros. No caso do Auditorio, o seu presuposto sube en 700.000 euros”.

“Por todo isto, porque Lugo non merece este trato da Xunta, aprobaremos unha moción no vindeiro Pleno coa que manifestamos o noso rexeitamento ó presuposto autonómico para 2014; e coa que esiximos á Xunta que incremente as partidas para as políticas activas de emprego e de gasto social,co fin de paliar a grave situación que están a vivir os lucenses”, avanzou.

Exit mobile version