Site icon Crónica3.com A Mariña

Quedan 10 prazas libres para participar no curso ‘Descubre Galiza’ da Pomba do Arco

A Asociación Cultural A Pomba do Arco vai por en marcha un ambicioso proxecto lúdico cultural co título “Descubre Galiza”, “ Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país” e que pretende dar a coñecer Galiza desde diferentes esferas ao conxunto dos veciños da Mariña e moi particularmente do Concello de Foz. “Tal como recollemos no nome do proxecto o que se pretende é descubrir Galiza ao conxunto da sociedade, Galiza como realidade histórica, como colectividade e tamén como unha realidade xeográfica que descoñecemos. A esa aventura apaixoante queremos convidar aos veciños de Foz e para iso damos a todos os interesados en participar da actividade un número de telefono o 606-630-113 a fin de que se apunten antes do 28 de Outubro” afirmou Fernández Pacios.

A proposta da Pomba do Arco que pretende ser unha historia de cultura galega vaise articular a base a tres eixos didácticos, isto é unha aula sobre o período histórico en cuestión, a lectura de textos sobre a época, outra aula de repaso do tema e unha excursión vinculada á época que se está tratando. A Pomba do Arco divide este curso en 5 etapas: Idade Antiga, Alta Idade Media, Baixa Idade Media, Idade Moderna e Idade Contemporánea, isto é máis de 2000 anos da historia de Galiza, co castrexo, a romanización, o Reino, o Priscilianismo, os Suevos, os Irmandiños, Pardo de Cela, os séculos escuros, a colonización, os Provincialistas, Rosalía, Curros ou Manuel María. Temos, en definitiva, diante noso unha primeira achega cun afán divulgador para dar a coñecer a tódolos interesados a nosa historia.

Fernández Pacios indicou que “ a actividade dará comezo no mes de Novembro e comezará cun percorrido pola idade antiga, que contará con dúas aulas a cargo do Profesor Marcos Loureiro que será o encargado de impartir o curso, continuará coa lectura dun traballo de Anselmo López carreira sobre o período e rematará cunha excursión que nos levará ao Castro de Vilalonga, ao recinto de culto Priscilianista de Santalla de Bóveda do século IV e a Casa Museo de Manuel María.

A segunda das sesións desenvolverase no mes de Xaneiro é contará tamén con dúas aulas a cargo do Profesor Marcos Loureiro, a lectura dun traballo de Anselmo López Carreira e unha excursión a Igrexa Sueva de Santa Comba de Bande (S VI), ao Mosteiro de Celanova que nos vincula a San Rosendo, Bispo que foi de San Martiño de Mondoñedo e ás orixes do reino de Galiza e rematará na Casa dos Poetas de Celanova, arredor de Curros e Celso Emilio. A idea e que cada unha das sesións se desenvolva cada dous meses”.

A Pomba do Arco, que xa abriu o prazo de inscrición para esta actividade, recordou que as prazas son limitadas até o punto de que aquelas persoas interesadas destas actividades que se apunten canto antes, posto que as prazas son limitadas a 40 persoas e do que se trata é de seguir todo o proceso da nosa historia nacional. A tal fin desde hoxe mesmo está aberto o prazo de inscrición no tlf: 606-630-113.

Exit mobile version