Site icon Crónica3.com A Mariña

Santín presenta a súa candidatura á secretaría provincial convencido de que o PSdeG “é a única alternativa de goberno real para frear ó desmantelamento do Estado de Benestar do PP”

221013 Candidatura González SantínO candidato á secretaría provincial e actual secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lugo, Juan Carlos González Santín, presentou oficialmente este martes a súa candidatura a dito cargo convencido de que ”o Partido Socialista é a única alternativa de goberno real que pode frear o desmantelamento que está a sufrir o Estado de Benestar”. Neste senso, asegura que, se todos os militantes lle dan o seu apoio o vindeiro sábado, impulsará un “proxecto aberto a todos e a todas; un proxecto baseado no diálogo, no consenso e no traballo; un proxecto integrador, de suma, no que todos os afiliados e afiliadas, coas súas discrepancias es súas coincidencias, teñan voz directa nos órganos de dirección do partido para facer un PSOE máis forte, máis unido e cun obxectivo: reforzar e recuperar a nosa presenza institucional e reconstruír o Estado de Benestar”.

González Santín aspira así a revalidar o posto que ocupaba José Ramón Gómez Besteiro antes de que este se proclamase secretario xeral dos socialistas galegos o pasado 7 de setembro; circunstancia que obriga a reconformar a estrutura orgánica do partido a nivel provincial. Neste senso, o candidato indicou que “o PSdeG tomou unha nova dirección dende a chegada de Besteiro á Secretaría Xeral do Partido; unha nova dirección que conta co respaldo dunha incontestable maioría dos socialistas galegos na confianza de que hai outro xeito de facer política”.

O PSdeG culminou un longo proceso de dez meses para afrontar un experimental e exitoso proceso de primarias que será referencia no resto do Estado, non só para o PSOE, senón tamén para todos os partidos. A este respecto, subliñou que foron “dez longos meses de esforzo para poder afrontar un proceso excepcional, e que nun futuro próximo se converterá en norma, xa que estou seguro que así o recollerán os futuros estatutos do noso partido. Esta será a única maneira de facer norma a excepción e evitar que o proceso se alongue durante case un ano”.

Deste xeito, o candidato á secretaría provincial destacou que o seu proxecto será integrador e dará continuidade ó traballo desenvolvido, que “nos fixo unha excepción no mapa electoral español, por ser a única provincia que conserva a Deputación e a alcaldía da capital cun goberno socialista á fronte de cada unha delas”.

Un paso adiante
O día 26 de outubro, un mes despois de que os socialistas galegos cambiaran a dirección do partido a nivel autonómico, González Santín dará “un paso adiante”, e faino por dous motivos. Primeiro, por responsabilidade cos lucenses, xa que “a xente non pode estar esperando eternamente a que os socialistas arraxen o interno para centrarse nos seus problemas” e, segundo, porque o PSOE ten que dotarse dunha nova dirección, deixando de lado as posicións individuais para poñerse a traballar e poñer freo a este ataque que a sociedade lucense está a sufrir; un ataque ó Estado de Benestar, onde xa non todos teñen as mesmas oportunidades, onde se diferenza ós enfermos segundo o seu peto e non segundo a súa doenza, e se castiga ós que menos teñen para amnistiar ós que menos aportan”.

Deste xeito, con independencia do resultado, apuntou que traballará intensamente para lograr os mellores resultados nos vindeiros comicios municipais. “Os socialistas demostraremos que en Lugo hai un partido sensible coa xente, un partido diferente, que non se rende ante os poderes económicos, e que se pon do lado das persoas e que está coas persoas”, concluíu.

Un PSdeG forte é o muro de contención para frear ó PP na provincia
Os socialistas, asegura Santín, teñen que seguir defendendo os intereses da maioría social dos cidadáns. Por iso, por cada un dos 348.902 lucenses, o PSOE da provincia de Lugo ten que traballar dende agora mesmo. “Preséntome como candidato con ánimo, pero consciente da responsabilidade da miña decisión. A miña idea de partido non é moi diferente da que tiñamos ata hai uns 20 días. Animado polos meus compañeiros e dende o convencemento de que o PSdeG representa a única alternativa de goberno real. Hoxe vemos, logo dos reproches da herdanza recibida, como miles de homes e mulleres se manifestan para que non lles quiten o que entre todos construímos con leis firmadas por ministros e ministras socialistas”, sentenciou.

Lugo precisa, por tanto, un PSdeG cohesionado para frear a un Partido Popular que actúa sen complexos. Sen dúbida, destacou, “é a dereita máis reaccionaria e conservadora que tivemos en España. Xa non queda nada dese Partido Popular que camuflaba as súas actuacións con meros fins electoralistas. Este PP, é o PP máis retrógado de toda a democracia. Agora non ocultan as súas intencións”.

Experiencia como secretario de organización e implicación máxima cos militantes
González Santín que, foi nomeado en 2012 polo seu antecesor no cargo, como Secretario de Organización da Executiva provincial, recoñece que a oportunidade dada por Gómez Besteiro permitiulle coñecer o Partido que agora quere liderar.

Ó longo destes últimos días está a percorrer as distintas agrupacións de Lugo para implicar ó maior número de militantes no seu proxecto, xa que considera que os afiliados son unha peza fundamental na estrutura do Partido, co obxectivo de acadar un Partido unido, cohesionado; capaz de frear os ataques desta dereita que tanto dano está facendo a todos os cidadáns.

O sábado, proclamación do secretario provincial
O vindeiro sábado, día 26, os socialistas elixirán ó novo secretario provincial do PSOE. Será nun acto no que estará presenta a militancia de Lugo, e no que tamén se coñecerán os integrantes que formarán a nova Executiva provincial. O encontro terá lugar no Hotel Torre de Núñez e contará coa presenza do novo líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, tal e como anunciou o aspirante á secretaría do PSOE na provincia.

Será unha xornada intensa na que González Santín manifestará o seu compromiso con todos os lucenses para dirixir o Partido Socialista na provincia, así como as principais liñas de actuación do seu proxecto como futuro secretario provincial.

Exit mobile version