Site icon Crónica3.com A Mariña

Santín, proclamado novo secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo co 94% dos votos

psdeg-santinCunha rotunda ovación, os socialistas da provincia de Lugo proclamaron este sábado a Juan Carlos González Santín novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, acadando o apoio do 94% dos delegados reunidos este sábado no Hotel Torre de Núñez. Neste senso, unha vez concluída a votación, González Santín dirixiuse ós asistentes do congreso para amosarlles o seu agradecemento polo apoio recibido e expresarlles o seu convencemento de que o Partido está preparado para cumprir a súa única e verdadeira función: “servir á sociedade para ser a alternativa onde non somos goberno e dar respostas en onde si o somos”.

A de Santín, con 123 votos a favor e 9 en branco, foi unha candidatura unánime para un proceso, no que votaron 130 delegados e participaron máis de 100 visitantes, entre os que se atoparon representantes da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia, Federación da Asociación de Veciños Lucus Augusti, Asociación Down Lugo, UXT Lugo, CCOO, Unións Agrarias, COGAMI, Fundación Jacinto Calvo, Agrupación de Asociacións de Veciños Agrupa Lugo, Unión de Asociacións Veciñais e Culturais da Cidade de Lugo (UNAVE), FAPACEL, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU) e a Confedración de Empresarios de Lugo (CEL).

Deste xeito, coa elección de hoxe, o novo secretario provincial substitúe a José Ramón Gómez Besteiro, logo de que este se proclamase o pasado 7 de setembro líder dos socialistas galegos. A este respecto, González Santín destacou que “esta nova formar de facer política, tanto tempo desexada, xa está aquí. O tempo da interinidade rematou. De Pedrafita a Compostela o Partido está renovado. Rematou o tempo de mirar de portas para dentro, o tempo de situarse, autoanalizarse e restructurarse. Agora o único que importa e traballar para a sociedade, para a xente”.

O novo líder dos socialistas da provincia de Lugo destacou que esta nova forma de facer política ten que levarse tanto ós Concellos nos que o PSOE non goberna como nos que si hai un Alcalde socialista. Neste senso, afirmou que toca “demostrar que non todos os políticos son iguais, demostrar que as persoas son o noso centro, a nosa única preocupación, demostrar que estamos ó lado dos que precisan do sector público e que somos capaces de xestionar con compromiso social. Fronte as mentiras que tódolos días a dereita di sobre nós: “que no sabemos gestionar, que todos somos iguales, que somos una casta, que si la herencia” … Os nosos alcaldes centran a súa labor no esencial, e en nada nos semellamos a esta dereita descarnarda”.

Pola contra, nos Concellos nos que goberna o Partido Popular, engadiu Santín, “temos que ser a alternativa”. Neste senso, explicou que “alternativa non é alternancia. Nós non queremos gobernar por gobernar. Non queremos alcaldías, deputacións, Xunta ou mesmo Estado por reforzamento do propio partido… Iso é o que o PP quere transmitir. Que todos somos o mesmo… a casta política..”. Por tanto, “ser a alternativa” implica o esforzo de xestionar máis e mellor, de obter resultados, de antepoñer o benestar social do pobo á necesidade do partido ou mesmo persoal.

“Temos que ser bos xestores” para recuperar o Estado de Benestar
Para elo, González Santín avogou por ser “bos xestores, pero non xestores empresariais”. Deste xeito, indicou que “os Concellos non son empresas, a Xunta non é unha empresa, as Deputacións non son empresas. Esa é a súa visión, e machaconamente a repiten día si e día tamén, facendo dunha mentira verdade”. A este respecto, defendeu que as administracións públicas non deben ter beneficios nin enriquecer ás persoas, senón que deben servir ós cidadáns e garantir a igualdade e sostenibilidade de todos. Para conseguir, por tanto, este obxectivo é extraordinariamente importante “gastar no que hai que gastar.O Estado debe servir á xente. Non a xente e o seu Estado ás grandes fortunas ou a banca”, concluíu.

Así mesmo, González Santín explicou que esta xestión debe reverter na recuperación dos principais piares do Estado de Benestar polos que tanto loitaron os socialistas nos últimos anos, e que tanto están a destruír os gobernos do Partido Popular. Referiuse, en primeiro lugar, á Educación, poñendo como exemplo os recortes aplicados ós libros texto, ós comedores escolares, ás becas universitarias, ó profesorado, o idioma e ó idioma; “medidas crueis cun obxectivo claro: conseguir menos cidadáns e máis man de obra”.

Polo que respecta á Sanidade, engadiu: “mentres en Estado Unidos tentan conquerir un modelo que sexa cando menos a metade do que tradicionalmente era o noso. Aquí, a dereita, tenta impoñer con Leis inxustas e inconstitucionais o modelo clásico americano de xestión privada. Evolución fronte a involución”. Neste senso, subliñou que “o seu modelo sentenza a sufrir ás persoas sen recursos altos. Á xente corrente. O noso modelo de sanidade é a pública e universal. A sanidade costa cartos, sobre todo a boa sanidade, pero a mantemos entre todos, como ben colectivo supremo, sosténdoa vía impositiva de forma progresiva. Non pagando cada vez que estamos doentes”.

Políticas sociais. Neste caso, tendo en conta as drásticas medidas aplicadas á dependencia, ás pensións, ó desemprego, que só contribúen a favorecer a emigración da da mocidade, subraiou que “soamente existe unha expresión: atraco”.

Dereitos civís. Gónzález Santín recoñeceu que “xa case me da reparo falar: aborto, matrimonio homosexual, igualdade de xénero, conciliación familiar, persoas inmigrantes, participación social, cooperación… para eles claramente temas menores, no mellor dos casos.. noutros … simplemente temas a extinguir”.

Cultura. Neste punto defendeu que “o que deberíamos é de darlle á voz ós seus representantes, está todo dito, ou como diría Rajoy: “fin de la cita”.

O Partido, unha dinámica de traballo
Tal e como subliñou González Santín “ser a alternativa” esixe esforzo e dedicación. Para elo, avogou porque o Partido traballe en rede en toda a provincia. “Antes que outra cousa será un sistema, unha dinámica de traballo. Que as ideas que crecen en cada agrupación local, en cada concello que gobernamos, cheguen a toda a provincia, a Santiago ou mesmo a Madrid. Do mesmo xeito que as necesidades e demandas sexan atendidas entre todos, de forma cooperativa. Neste barco todos remamos, e todos a unha”.

A executiva será esencial
Dende esta idea, anunciou que a executiva será esencial e os coordinadores comarcais serán persoas implicadas, cercanas ás agrupacións que respostarán ás súas necesidades. Neste senso, o partido será horizontal e transversal porque “así seremos eficaces á cidadanía”, e a secretaría xeral funcionará como un instrumento de traballo. “Implicareime con todos e cada un de vos. Nos temas que preocupen á provincia, ós concellos, ó partido, ó país. Traballaremos en equipo. Con reparto de funcións, e postas en común. A responsabilidade será compartida. Os éxitos serán compartidos.

Rendiremos contas dos nosos traballos, non para abrir as portas a unha crítica fácil e destrutiva”. A este respecto, propuxo que esta rendición non sexa soamente dos cargos públicos electos, senón de todos os cargos políticos do partido porque “a cidadanía e a militancia ten dereito a saber”.

González Santín ofrece así un partido aberto, no que cada militante poderá dirixirse á executiva provincial con todos aqueles temas que lles intereses. E poderá facelo a través de calquera canle:
por medio da web, do correo electrónico ou por carta tradicional. As súas propostas serán tratadas, debatidas pola executiva e contestadas de forma persoal.

As eleccións municipais, a oportunidade para consolidar a súa proposta de partido
González Santín indicou, ademais, que as eleccións municipais de 2015 será o momento idóneo para asentar e consolidar a súa proposta e “para comezar a cambiar este país e as nosas vilas, xa que o ataque que o municipalismo está a sufrir non ten precedentes na nosa democracia”.

Neste senso, subliñou que “penso que todos compartimos que o noso partido sempre estivo apegado ós concellos. Obvio, xa que son as institucións más cercanas ó cidadán. Por iso, precisamente, por iso, son as institucións máis importantes”.

A este respecto, subliñou que “o PSOE é futuro. O noso partido soamente ten razón de ser se somos motor desta sociedade. Traballemos a reo e non defraudemos nin un só voto dos que nos prestan. Cada un no que nos toca, pero traballando a reo, todos xuntos e nunha única dirección”. Neste senso, González Santín deixou claro o seu compromiso convencido de que “o pasado reporta leccións valiosas, unha bagaxe coa que viaxamos e da que me sinto moi orgulloso. O presente é duro. Nós non somos outra cousa que xente corrente, do pobo, e que por tanto sentimos como el, sufrimos e disfrutamos como el, pero que queremos traballar por el. O PSdG é o partido do Pobo. O PSdG e o partido de Lugo”.

Por iso, animou ós militantes a traballar todos xuntos para mellorar o futuro do país. “Teño motivo para crer en todos vós. Lugo, Becerreá, Pedrafita, Viveiro, A Pontenova, Castroverde, Cervantes, Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Incio, Pastoriza, Pol, Ribas de Sil, Samos, Monterroso, Valadouro…Sitios onde grazas a vós, a alcaldes socialistas, os cidadáns teñen menos dificultades para vivir. Sodes exemplo responsable, sodes o que fai realidade a ilusión. Ábrese unha nova etapa no partido, cunha nova forma de facer política que se fraguou aquí en Lugo, e que agora se exporta a todo o País. E nós, como sempre, apoiaremos con forza esta nova política, porque é a política das persoas, das solucións”, concluíu.

Currículo do secretario provincial
Juan Carlos González Santín naceu en 1967. Ten 46 anos e é Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do Corpo Superior de Intervención da Seguridade Social. En maio de 2012 foi nomeado secretario de organización do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo coa executiva configurada naquel momento por José Ramón Gómez Besteiro.

Exit mobile version