Site icon Crónica3.com A Mariña

Tráfico implantou en Lugo o sistema de exame teórico por ordenador para obter o permiso de conducir

exame-traficoLugo, 23 de outubro de 2013.- A Dirección Xeral de Tráfico estreou hoxe a nova modalidade de exame teórico por ordenador para obter o permiso de conducir en Lugo, que se converte así na segunda capital galega, despois de Ourense, en empregar este sistema.

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentaron esta mañá na propia aula de exames da Xefatura Provincial a implantación deste novo formato de exame, que a continuación estrearon os primeiros alumnos que se examinaron neste día. Na presentación tamén participou o presidente da asociación provincial de autoescolas, José Luis García Ferreiro.

A DXT pretende extender este sistema de exame a todas as capitais de provincia antes de que remate o ano. O novo formato non se implantará polo de agora nos outros dous centros de examinación da provincia, Monforte e Foz, que manterán o sistema actual con exames en papel.

Dinámica do exame por ordenador
No novo sistema de exame teórico, o alumno séntase ante unha pantalla táctil na que van saíndo as 30 preguntas do exame xeral. Pode contestalas cantas veces queira, marcando as correctas cun punteiro, ata esgotar o tempo de media hora da que dispoñen. O alumno tén un reloxio na pantalla que lle permite controlar o tempo e só lle están permitidos tres erros como máximo. O papel quedará como segunda opción, ante posibles problemas informáticos.

A Xefatura Provincial de Tráfico dispón dunha base de datos de máis de 16.000 preguntas das que se nutre para elaborar os tests do exame, que son individualizados, é dicir, diferentes para cada un dos aspirantes, e empregan unha linguaxe clara e sinxela.

Para que o aspirante poida familiarizarse con este tipo de exame, existe un modelo de autoavaliación na páxina web da DXT co que se pode practicar dende a casa. Os contidos destes cuestionarios son os mesmos que antes, facendo especial fincapé nas pautas de condución eficiente, as normas e sinais, e a seguridade vial. Logo de realizar un exame, os resultados poden comprobarse por internet ás poucas horas ou ao día seguinte.

Segundo explicou o subdelegado do Goberno, a informatización dos exames teóricos para obter o permiso de conducir “é un paso adiante para mellorar a calidade dos cuestionarios e tamén para mellorar a formación dos futuros condutores e reducir a sinistralidade nas estradas que, a fin de contas, é o máis importante”.

Aspirantes na provincia
Na provincia de Lugo operan 42 escolas de condutores, cun total de 69 seccións. En canto aos exames teóricos, o ano pasado presentáronse ás probas comúns de coñecementos un total de 4.638 aspirantes, mentras que 1.857 fixérono tamén á proba específica de coñecementos. Superaron esas probas en torno ao 75% dos aspirantes.

Exit mobile version