Burela, 12 de outubro de 2013. Tres establecementos (Ortofarma Burela e as farmacias O Parque e Fraiz) en primeiro lugar e despois o centro de saúde acollerán unha exposición titulada Nutrición e desenvolvemento. Dereitos da infancia. É unha iniciativa do Programa de Atención a Inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade.
A edil Diana Durán explicou que “como socio do Fondo Galego de Cooperación Solidariedade e en colaboración con Unicef queremos apoiar a iniciativa de divulgar e sensibilizar á poboación da realidade social do mundo que nos rodea. No mes de outubro celébrase en moitos países europeos a semana contra a pobreza e aquí en Galicia, grazas á axuda das diferentes ONGs, podemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual”.
A concelleira de Servizos Sociais engadiu que “dende o Concello de Burela, eliximos a exposición titulada Nutrición e desenvolvemento. Dereitos da infancia, que está formada por 17 paneis. Nesta ocasión, debido á súa temática, quixemos implicar ás farmacias e parafarmacias do noso pobo e ao Centro de Saúde. Así, dende esta fin de semana ata o día 21 de outubro estarán expostos en Farmacia O Parque, Farmacia Fraiz e Ortofarma Burela e dende esta data ata o 11 de novembro a exposición completa estará no edificio do centro de saúde”.
Diana Durán rematou agradecendo “ás participantes nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós” e animando ao público en xeral a visitar a exposición.