Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 280 persoas participan nas 11 disciplinas que ofertan as Escolas Deportivas Municipais de Cervo

Cervo, 25 de outubro de 2013-O Concello de Cervo fixo hoxe balance do desenvolvemento das Escolas Deportivas Municipais un mes despois do seu comezo. Neste curso son 280 as persoas que participan nun total de 11 disciplinas diferentes, polo que se produce un incremento de inscritos con respecto ao ano pasado. Unhas cifras que demostran “a boa aceptación que ten ano tras ano a oferta deportiva do Concello” explica o edil da área, Luis Guillén.

Cabe lembrar que este ano producíronse novidades na oferta, coa entrada de novas disciplinas como é o caso do zumba xuvenil e do pádel infantil, que tamén rexistraron bos niveis de inscrición e que entraran no programa para ampliar as posibilidades dos usuarios na elección do seu deporte favorito en función dos seus gustos e preferencias.

En concreto, a oferta completa inclúe: para nenos e nenas pequexogos, baloncesto, fútbol sala, patinaxe artística, tenis, multideporte e pádel; e para os adultos ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates, ademais do xa mencionado zumba xuvenil para o alumnado do instituto.

En canto ás actividades máis demandadas, no caso das dirixidas ao público infantil destacan a patinaxe, así como o fútbol sala e o baloncesto, e no caso dos adultos o pilates. Unha oferta ampla e variada porque do que se trata é de “fomentar o deporte entre toda a sociedade, e para iso ano tras ano interesámonos por coñecer as preferencias dos veciños e en elaborar un programa a medida. Deste xeito, mantemos aquelas que teñen éxito e buscamos outras novas para diversificar” explica Guillén.

As Escolas Deportivas forman parte dunha liña de traballo estable que persegue o obxectivo de estender a práctica de exercicio físico por todo o municipio como “unha das claves para levar unha vida saudable” di o edil de Deportes, e na que tamén se inclúen outras actividades deportivas como os cursos da piscina ou torneos periódicos de diferentes disciplinas así como o coidado e mantemento das numerosas instalacións deportivas do municipio.

Exit mobile version