Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega: “O programa que trasladamos é a manifestación do firme compromiso da nosa organización coa mocidade lucense”

Lugo 22 de outubro de 2013.- O candidato a presidir Novas Xeracións na Provincia de Lugo, Daniel Vega, presentou esta mañá a campaña que baixo o lema ‘Afrontando o presente, e construíndo o futuro!’ levará adiante durante estes días e de cara ao próximo congreso que se celebrará o sábado, 2 de novembro.

Vega referiuse ao programa electoral como “a manifestación do firme compromiso da nosa organización coa mocidade lucense”, ao que engadiu que “este compromiso é o cerne íntimo das nosas ideas e valores”.

O candidato asegurou que este programa “está aberto a todos os afiliados, para que xuntos se poda elaborar un compromiso que represente as inquedanzas dos mozos”, deste xeito, Daniel Vega asegura que se “presenta coa ilusión de impulsar nos vindeiros tres anos un proxecto innovador e reformista que xira sobre dous eixos fundamentais: a participación real da xuventude na política e ofrecer solucións aos seus principais problemas”.

Programa Electoral
O Programa Electoral aséntase sobre dez puntos que se centran tanto no reforzo da formación, como no contacto cos principais sectores. Para loitar contra a lacra do paro xuvenil, os mozos consideran prioritario escoitar e apoiar a todo o sector empresarial; así seguirán tamén mantendo reunións cos sectores máis importantes da provincia, tanto co primario como co terciario para a supervivencia dos establecementos comerciais e turísticos.

Vega no seu programa electoral tamén acolle a creación dunha Asociación Estudantil que defenda os intereses do estudantado na Universidade e na Formación Profesional; comprometéndose tamén a manter unha estreita relación de traballo coas ONG,S e entidades sen ánimo de lucro que traballen cos colectivos desfavorecidos; a maiores de impulsar o Asociacionismo Xuvenil.

Reforzo da formación
Daniel Vega considera que o traballo, a lealdade e o compromiso son os conceptos que definen aos preto de “500 mozos que conformamos Novas Xeracións”, e asegura que “este é o momento de dar un paso máis para que, coas súas ideas e aportacións, logremos acadar, día a día, unha organización máis forte”.

Deste xeito, o programa electoral inclúe o reforzo da estrutura local e comarcal; así como das secretarías da Xunta Directiva Provincial; aumentando a presenza nas redes sociais e creando un órgano que dirixa a Escola de Formación Manuel Fraga Iribarne.

Actos de campaña comarcais
O comité de campaña tamén está a realizar actos por toda a provincia. Así, xa mantivo unha reunión en Foz e ten previsto a celebración este venres dunha xuntanza en Sarria, ás 20.30 horas no hotel Alfonso IX; outra en Lugo o próximo sábado, ás 12:30 horas na sede do PP, mentres que o encontro na Terra Chá será tamén o sábado, pero en horario de tarde, ás 20.30 horas no Hotel Villamartín.

Por último, Vega considera que ao longo destes últimos anos se tentou que Novas Xeracións fose o nexo de unión entre a xuventude e a clase política; ademais de buscar unha ampliación na participación dos mozos, incrementando en afiliados; procurando os contactos cos principais sectores e centrándose principalmente en combater o desemprego xuvenil.

Exit mobile version