Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga participou na presentación da campaña ‘Gústame o galego’ no marco da Festa das San Lucas de Mondoñedo

gustameogalegoMondoñedo, 16 de outubro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, en Mondoñedo, na presentación da campaña Gústame o galego, unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa que colabora a Vicepresidencia da institución provincial. No acto tamén estiveron Xusto Fernández Haro, concelleiro de Cultura de Mondoñedo; Sino Seco García, en representación da CTNL; e Miguel Souto en nome da comisión de festas das San Lucas.

Co gallo da Festa das San Lucas convocouse un concurso de lemas a través das redes sociais de Facebook e Twitter ao que se presentaron máis de cincuenta propostas, todas elas co galego e as San Lucas como temática. Resultaron gañadores dous lemas presentados vía Facebook, o do mindoniense Gonzalo García, que reside en México e cuxo premio recolleu o seu pai no seu nome, que presentou o lema “Gústame que as San Lucas falen galego”; e o de Pepe Díaz García, con “Gústame escoitar como se fala o galego nas San Lucas de Mondoñedo”. No twitter resultaron seleccionadas as propostas de Ángel Sordo e Asun Carreiras, con “Gústame que nas San Lucas se pida o ‘polbo á feira’ en galego”, e “Gústame a Feira das San Lucas porque soamente ela e capaz de presentar o outono en galego”.

A campaña Gústame o galego non para de sumar apoios para a normalización lingüística e xa son máis de 5.000 as persoas, de todas as idades, profesións e lugares do país, que xa se retrataron con algún dos arredor de 50 lemas propositivos da campaña, máis de 10.000 as persoas seguidoras en Facebook, máis de 50 as sesións de photocall, e un alcance na rede que nalgunhas semanas se achega ás 70.000 persoas.

Esta iniciativa da CTNL que desde que se puxo en marcha o en decembro do ano pasado xa fixo máis de 50 paradas en concellos, institutos, festivais, campamentos de diferentes vilas e cidades galegas, vai seguir percorrendo o país para espallar mensaxes a prol da lingua e seguir sumando apoios para o proceso de normalización lingüística. Este venres, a parada será en Mondoñedo, de 17:00 a 20:00 horas na praza do Concello e a partir das 21:00 horas na praza da Catedral, ata que día comezo o concerto programado para esa noite.

Antonio Veiga só tivo palabras de agradecemento para a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Neste sentido, afirmou que “a lingua e a cultura propias dun país son un elemento imprescindible para facer posible o progreso social e o desenvolvemento económico. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiamos esta campaña, e o labor da CTNL porque traballa na liña de garantir os dereitos do pobo galego a manter e desenvolverse no seu idioma”.

Exit mobile version