Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación apoia a actividade do centro de información ás mulleres da Casa da Xuventude de Mondoñedo

rIMG_5509 - Antonio Veiga e Orlando GonzálezLugo, 22 de outubro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, reuniuse este martes co alcalde nacionalista de Mondoñedo, Orlando Fernández Cruz, para asinar dous convenios de colaboración cos que a institución provincial ratifica o seu apoio ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) e á Casa da Xuventude de Mondoñedo, por valor de 10.000 e 15.000 euros, respectivamente.

O Concello de Mondoñedo puxo en marcha, no ano 2006, o Centro de Información ás Mulleres, coa intención de converter o benestar social nunha liña de intervención transversal de cara ao desenrolo de políticas que incidan na consecución da igualdade de sexos, co desenvolvemento dunha actividade de atención psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación profesional, así como de sensibilización da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre homes e mulleres nos distintos aspectos da vida.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación incidiu “na importancia do labor que leva a cabo este centro máis aínda tendo en conta que Mondoñedo e os concellos limítrofes onde desenvolve os seus servizos, Abadín e Lourenzá, forman parte do eido rural e teñen un alto grao de dispersión xeográfica, o que fai das mulleres un colectivo especialmente necesitado de políticas en materia de igualdade, políticas ás que se non fora polo CIM, non podería acceder”.

“Estamos a falar, – continuou Veiga- de mulleres de idades, en xeral, en torno aos 50 anos ou máis, sen estudos cualificados, que toda a vida traballaron no agro e se dedicaron ao coidado dos fillos e do fogar, sendo así, máis dependentes do sexo masculino e máis vulnerábeis a lacras como as da violencia de xénero; polo que se fai máis necesario que este Centro de Información ás Mulleres continúe en funcionamento”.

O rexedor mindoniense, agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación e precisou que “o servizo que ofrece este centro, dende que comezou a súa actividade no 2006, tivo moi boa acollida por parte das usuarias, o que garante tamén a viabilidade do mesmo de cara a un futuro”.

Por outro lado, a Casa da Xuventude, grazas ao convenio por valor de 15.000 euros que se vén de asinar, poderá continuar realizando as súas funcións de informar, orientar e asesorar a toda a poboación xuvenil mindoniense, así como manter a intensa actividade cultural que desenvolve, organizando numerosos obradoiros para nenos e nenas, representacións teatrais, ou torneos de tenis, entre outros; así como a colaboración con festexos como As Quendas ou As San Lucas.

“A Casa da Xuventude é o principal motor do asociacionismo cultural en Mondoñedo, facendo accesíbel á mocidade todas aquelas actividades e programas que potencian a cultura e actividade xuvenil, converténdose nunha boa opción para o desenvolvemento e apoio á mocidade, como parte importante do futuro da sociedade”, concluíu Veiga.

Exit mobile version