Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación financia a contratación dun intérprete de lingua de signos

Purificación López e Antonio VeigaLugo, 19 de outubro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, vén de asinar un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), Purificación López Ferreiro, polo que a institución provincial se fará cargo dos gastos de contratación dun intérprete de lingua de signos no marco do programa ‘Comunica!’.

Con este convenio a Vicepresidencia do ente provincial pretende favorecer a integración social, educativa, laboral e cultural deste colectivo, así como a eliminación de calquera barreira de comunicación que poida afectarlle. Neste sentido Antonio Veiga precisou que “o obxectivo último é a mellora da súa calidade de vida porque todas as administracións públicas temos a obriga de levar a cabo as actuación precisas para acadar o benestar social das persoas con algún tipo de discapacidade facendo efectivo o principio de igualdade de oportunidades, aínda que dende os gobernos do Partido Popular non se entenda así”.

Para o delegado de Benestar e Igualdade “a consecución deste obxectivo debe cobrar máis forza nun momento marcado pola recesión económica no que as políticas de contención de déficit público están a desmantelar o Estado de Benestar. A crise económica está a ser a cortada perfecta da Xunta de Galiza e do Goberno central para iniciar políticas centradas na privatización dos servizos públicos e os servizos sociais non están entre as prioridades do Partido Popular”.

“Fronte a ese tipo de políticas dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo seguimos apostando por axudar aos colectivos que máis o precisan evitando a súa exclusión da sociedade, e por iso vimos de asinar este convenio por valor de18.000 euros”, concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version