Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación colabora na dinamización dos centros veciñais do concello de Riotorto

riotortoRiotorto, 21 de outubro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, visitou, este luns, xunto co alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, o centro veciñal da parroquia de Espasande de Abaixo, onde se reuniu con máis dunha ducia de veciños que participan nas actividades da Rede de Dinamización Rural. Durante o encontro explicou que “este é un dos catro centros da localidade que se verán beneficiados polo proxecto de dinamización de centros veciñais para o que desde a área de Benestar Social da Deputación de Lugo aportamos 180.000 euros”.

Segundo explicou Antonio Veiga, “o concello de Riotorto caracterízase pola perda demográfica desde principios do século pasado, debido ao crecemento vexetativo de signo negativo e a emigración. Ademais, hai que sinalar que a súa poboación está moi dispersa, e posúe unha da taxa bruta de nacementos inferior á media de Galiza, polo que son necesarias actuacións deste tipo, que dan un pulo á dinamización da poboación, representada, na súa maioría, polo colectivo das persoas maiores”.

O proxecto de dinamización dos centros veciñais de Riotorto contempla unha variada oferta de actividades coas que se pretende contribuír á mellora da calidade de vida e do benestar social da veciñanza, como visitas didáctico-saudábeis a diferentes puntos da xeografía galega para intensificar as relacións interxeracionais, un obradoiro de recuperación da memoria, recuperación de xogos populares e tradicionais que fagan conscientes aos participantes das súas capacidades e destrezas, prácticas deportivas saudábeis, así como cursos lúdico formativos relacionados coas novas tecnoloxías, alimentación e agricultura saudábel, ou benestar e saúde, e un programa específico de avellentamento activo.

Ademais, e grazas a esta colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, procederase ao acondicionamento dos centros veciñais das distintas parroquias do municipio nos que está previsto desenvolver as mencionadas actividades. Entre eles atópase o da parroquia da Órrea, que precisa melloras de accesibilidade, habitabilidade e funcionalidade; o local de Vilaseca, que necesita incrementar os niveis de iluminación natural; e os de Espasande de Arriba e Espasande de Abaixo que necesitan reformar a súa distribución actual para un maior aproveitamento do seu espazo.

“Un dos principais obxectivos que nos marcamos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo é fomentar a igualdade de oportunidades no acceso ao benestar social e a participación social, do que é boa proba este proxecto que favorecerá espazos para o encontro entre os veciños dos diferentes puntos do concello, contribuíndo á mellora da calidade de vida e do benestar da veciñanza”, concluíu o vicepresidente provincial.

Pola súa banda, o rexedor municipal destacou que “este proxecto enmárcase na aposta polo equilibrio territorial e por tratar de eliminar a fenda existente entre o medio rural e o urbano e universalizar o acceso ao servizos públicos; unha aposta que só se pode explicar desde unha perspectiva ideolóxica nacionalista que implica traballar polas maiorías sociais tendo en conta a pirámide poboacional do país e o avellentamento da poboación e garantir o carácter universal dos servizos sociais nun contexto marcado polos recortes”.

Estoa recalcou que “a Rede de Dinamización Rural segue a ser un proxecto en construción que forma parte do dobre obxectivo do Concello de Riotorto de articular unha rede de Benestar que supere a concepción asistencia e ao mesmo tempo que serve de piar para articular o poder popular, isto é, unha democracia merecente de tal nome cun marco político como o existente. Neste sentido, sentímonos satisfeitos de que fosemos quen de pór en marcha uns espazos que permitan que os veciños poidan reunirse entre eles e poidan ter máis compaña que a televisión ou a radio”.

Exit mobile version