O concello de Mondoñedo tense convertido en referencia pola completa programación de actividades culturais que desenvolve, tanto polo que se refire á súa variabilidade como ao número de potenciais beneficiarios do mesmo e ao número de obxectivos a cumprir a través destes. “Non se trata só de ofertar un paquete de actividades culturais diverso que chegue aos distintos eidos da cultura, senón que este serva para consagrar o valor do Concello de Mondoñedo, polo seu patrimonio e a súa tradición cultural, como potencial de referencia turística na zona”, precisou Veiga.
Exemplo da “Cultura Activa” de Mondoñedo son a Escola Municipal de Música O Pallarego, o premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro e o certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores, cos que se pretende fomentar a poesía ao mesmo tempo que lembran a memoria de dous persoeiros ilustres e relevantes na cultura mindoniense; a organización de actividades culturais de reforzo no verán, entre as que se atopa a recuperación do mercado semanal dos xoves, co que se lle pretende dar un pulo aos produtos da horta local; ou o ciclo teatral, que da cabida a grupos profesionais e afeccionados.
Con este proxecto tamén se contribúe á promoción social e cultural das parroquias de Mondoñedo, grazas ao desenvolvemento de actividades dirixidas a todas as veciñas e veciños das parroquias máis afastadas do núcleo urbano, como concursos de xogos de mesa, recuperación de xogos tradicionais, a organización de sesións de lectura de información básica e actual, obradoiros de manualidades, e a organización de magostos.
Neste sentido Antonio Veiga destacou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiamos o desenvolvemento de actividades culturais en todas as súas vertentes, pero máis aínda nesta ocasión na que un concello desenvolve unha programación completa para ofrecer aos seus veciños e veciñas unha alternativa cultural durante todo o ano. Mondoñedo é un exemplo de que a cultura está viva e debemos pular por ela. Malia o que nos queren vender desde algunhas administracións desde as que cada vez recortan máis, a cultura é tamén unha fonte de riqueza e un elemento indispensable para a cohesión social”.
A área de Cultura da Deputación ten clara a súa aposta pola dinamización cultural das comarcas lucenses, poñendo especial énfase no apoio ao asociacionismo cultural, pero tamén contribuíndo cos concellos na súa programación cultural, como é o caso do Concello de Mondoñedo que desenvolve unha programación anual moi completa.
Pola súa Banda, Orlando González Cruz agradeceu esta aportación do organismo provincial e explicou que “sen esta colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o concello de Mondoñedo non tería a capacidade suficiente para desenvolver esta ampla oferta de actividades culturais que se organizan durante todo o ano”.