Site icon Crónica3.com A Mariña

Vilas e cidades manifestaranse o 8 de novembro para esixir á Xunta que retire o copago na medicación do cancro

Unha delegación da xestora nacional da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, iniciativa social que congrega a máis de 150 colectivos sociais nos que se inclúen Concellos, colexios profesionais, organizacións de doentes, entidades sindicais e colectivos sociais que actúan en diversos ámbitos, presentaron na xornada de hoxe as demandas deste colectivo nunha rolda de prensa en Compostela na que participaron entre outros Concellos como Allariz, Riotorto e Ribadeo, colectivos sociais como representantes de Emigrantes Retornados ou dos Preferentistas de Lugo ou diversas Plataformas comarcais en Defensa da Sanidade.

O Alcalde de Riotorto lembrou que “ esta iniciativa, que nace como unha proposta da sociedade organizada pero tamén daqueles Concellos que aspiran a operar como auténticas trincheiras contra a ofensiva do capital que pretenden levar por diante os dereitos sociais básicos, non pretende cinguirse aos marcos das entidades promotoras senón que pretende ser unha canle a medio da cal a sociedade galega poida loitar por conseguir e garantir un dereito básico como é a universalidade da sanidade. Así esta iniciativa social nace e vive para demandar a derrogación do Real Decreto 16/2012 de onde nace toda a lexislación que fixa o copago, unha iniciativa social nace e vive para instar ao Goberno do Estado a derrogación da Orde do 10 de setembro publicada no BOE do 18 no que se fixa o copago para os doentes crónicos e as medicacións dos cancros de ril, mama ou a que por suposto solicita a Xunta que este non sexa aplicado no noso País. Xa sabíamos que o PP non ten corazón porque o corazón está na esquerda, a pesar de que este partido fai parte do integrismo militante tamén nos demostrou estes días que carece de alma e agora tamén nos deixa claro que non sabe o que é a humanidade, porque non hai humano que sexa quen de tolerar que alguén, outro humano, poida morrer por falta de recursos. Así se comportan os campións do dereito á vida”.

Federico Gutiérrez Estoa, o primeiro Alcalde de Galiza e tamén do Estado, que fixo pública unha postura de insubmisión a esta medida e que convocou a xuntanza de onde xurdiu esta proposta indicou que “a aprobación por parte do Goberno do Estado dunha resolución pola que os pacientes crónicos teñen que enfrontar o copagamento das medicinas que lles dispensan na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade. Con esta medida cobraranse medicamentos como Afinitor ou Tyverb empregados en cancros de mama, ou Votriet ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais, respectivamente; así como outras medicacións para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos ou resecabeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica. Falamos de até 157 presentacións farmacolóxicas de pouco máis de 50 medicamentos que, segundo sinala o BOE, cumpren coas condicións para seren considerados de achega reducida, ao se tratar de medicamentos de eleccións de enfermidades graves ou crónicas, e estar limitada a súa distribución a pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacias dos hospitais”.

Na mesma comparecencia de imprensa os promotores da iniciativa anunciaron “a convocatoria de 13 concentracións, unha por cidade ou vila, na que existe Hospital para o 8 de novembro co fin de denunciar o copago de medicación para os doentes crónicos e daqueles que padecen patoloxía de cancro.

As mobilizacións celebraranse ás portas dos centros hospitalarios entre as 20.00 e as 20.30 horas do 8 de novembro, agás no caso de Monforte de Lemos que se celebrará na Praza de España. En Burela desenvolverase diante do Hospital da Costa.

“Agardamos que estas mobilizacións do día 8 teñan unha resposta masiva, pois vai ser a capacidade de presión que sexamos quen de facer, a fortaleza que demostre a resposta popular a que paralice ou non esta decisión do PP, en definitiva a que determine se os doentes de cancro van ter que seguir a pagar polas súas medicacións. Neste sentido, queremos facer unha chamada ao conxunto do pobo galego a que secunde estas xornadas de mobilización, unha mobilización que lle demos punto de saída vai para dúas semanas e que non vai ter remate até que a Xunta de GAliza adopte a mesma posición, nen máis nin menos, por poñer un exemplo doutros goberno, como poder ser sen ir máis lonxe o de Castela e León, que a pesar de estar gobernado polo PP non multa como o galego aos seus cidadáns por ter un cancro”.

Xa por último, Estoa recalcou que “as mobilizacións do día 8 non se remate de nada, son camiño do que agardamos tome boa conta a Xunta, pois non vai haber acougo para o Goberno galego até que mude de posición. Xa que logo tamén queremos aproveitar esta comparecencia pública para convocar unha mobilización nacional que celebraremos o día 17 de novembro en Compostela, sob o lema, “O copago mata. Pola defensa da gratuidade da sanidade en Galiza” e que terá saída da Alameda e remata na Praza da Quintana. Que quede claro imos dar unha batalla definitiva en defensa da sanidade, unha batalla definitiva que vai ter varios frontes, tamén a institucional, pero que terá na rúa o seu eixe de gravidade fundamental, á vista dunhas institucións autonómicas copadas por unha maioría absoluta que tanto lles ten que un compatriota poida morrer por carecer de diñeiro para pagarse unha medicación. O PP rematou por tornarse nunha arma letal para os galegos e galegas que máis precisan da acción do goberno”.

Exit mobile version