Polo tanto, Villares asegura que só pode haber unha explicación para que a Deputación queira multar sen motivos ao Concello: “O seu afán persecutorio contra os veciños e veciñas de Cervo”. “Esta multa, que podería ascender ata os 150.000 euros, é un disparate e unha atrocidade” engade.
O rexedor pregúntase: “Como poden entender os veciños de Trasbar que mentres o seu Concello traballa para ampliar a rede de saneamento, a Deputación de Lugo se dedique a cobrarnos taxas e a multarnos?”. Ao mesmo, o mandatario cervense agarda que “esta situación sexa un erro e que o Goberno Provincial non siga adiante con este abuso”.
De feito, o Concello xa anunciou que enviará as correspondentes alegacións á Deputación para evitar unha nova multa. Con este son xa tres os expedientes sancionadores que o Goberno Provincial lle abriu ao Concello de Cervo, algo que chama a atención. “Isto é un absurdo, e non pasa con ningún outro municipio da provincia” engade.
Pero para o rexedor o especialmente grave é que “a Deputación quere multarnos por unha obra que ela mesma cofinancia”. Aínda así, o trato desigual entre concellos por parte do Goberno Provincial tamén se deixa notar noutras cuestións: “Non nos dan axudas, non fan investimentos en Cervo, e aínda por riba, nos saquean a taxas e a multas de xeito indecente”. Villares lembra neste sentido que a Deputación obrigou ao Concello a pagar 2.200 euros en taxas para poder acometer esta obra do seu propio plan provincial e que ela mesma cofinancia, “sen esquecernos de que nos fixeron comprar un cartel xigante anunciando que a Deputación participa no financiamento da obra”. O mandatario cervense explica ademais que o expediente chega tempo despois de que o Concello aboase os importes das taxas, de que se certificasen as obras e de que a Deputación pagase a súa parte.
“Botando contas, ao final aos cervenses sáenos máis barato ocuparnos nós sos da obra, porque se temos que aportar 28.000 euros e a Deputación só 12.000, e ademais pagar 2.200 euros en taxas, un cartel xigante e unha multa, o custo multiplícase”, ironiza o rexedor.
Villares asegura que polo momento o primeiro paso é presentar as alegacións, pero non descarta chegar ás instancias necesarias para demostrar o continuo acoso que sofre o Concello por parte da Deputación. Ao mesmo tempo, o rexedor ten previsto manter unha reunión coa veciñanza de Trasbar para explicarlles a situación actual. “A poboación ten que coñecer a persecución á que nos somete a Deputación” remata o rexedor.