Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa organizan un taller de astronomía e xogos populares para alumnos do Colexio de Cervo Nº 1

Un taller de Astronomía e prácticas de xogos tradicionais para os nenos do Colexio Público de Cervo Nº1 de San Cibrao, son as dúas actividades que desenvolverán os voluntarios de Alcoa San Cibrao este venres 25 de outubro dentro do seu intenso programa do Mes do Voluntariado. A Asociación de Nais e Pais do centro (ANPA) e a asociación Península de la Paz, colaboradoras en ambas iniciativas, recibirán ademais 3.000 dólares cada unha da Fundación Alcoa, como respaldo da compañía á acción solidaria dos seus empregados.

O taller de Astronomía ten o propósito de introducir aos nenos de Educación Infantil e Primaria no funcionamento do universo e animalos a explorar o ceo para facer os seus propios descubrimentos. Os voluntarios axudarán aos nenos a confeccionar distintos instrumentos, coma un reloxo de sol, prismas de luz, cohetes de aire comprimido, unha máquina de facer estrelas e gafas para ver en 3D, entre outros materiais que axudan a comprender o universo, ademais de pintar un mural cos planetas. A sesión de manualidades complementarase con vídeos e narracións sobre o funcionamento do universo e os seus descubrimentos.

Os voluntarios, xunto con membros da asociación Península de la Paz, desenvolverán ademais actividades para a recuperación e prácticas de xogos tradicionais, co fin de que os nenos coñezan e disfruten aqueles xogos que practicaron os seus avós cando eran tamén nenos, recuperándoos do esquecemento. Son xogos que non precisan gastos nin elementos sofisticados, senón únicamente a vontade de xogar e divertirse; por exemplo, o corro da pataca, o aro, o pano, a cadeira, a raiola, a margarida, a goma, a comba, o brilé, a zapatilla por detrás, as canicas, as chapas, os pes quietos ou os zancos, entre outros.

Ao final de ambos talleres, voluntarios, nenos e demáis participantes compartirán unha merenda para repoñer forzas.

A ANPA do CEIP de Cervo Nº1 respalda e fomenta actividades culturais, sociais, recreativas e deportivas para os alumnos do centro, como parte relevante da comunidade escolar. E a Asociación Península de la Paz desenvolver actividades culturais de integración social, aproveitamento de recursos naturais, coidado e protección do Medio Ambiente, así como aquelas actividades dirixidas aos nenos e/ou que poidan representar un ben social.

Con estas actividades, os voluntarios da fábrica de Alcoa en San Cibrao continúan o seu intenso programa de actividades do Mes del Voluntariado, que a compañía celebra en todo o mundo no mes de outubro.

Exit mobile version