Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada complicada no cume coa visita do Burela FSF a La Rioja

Ás pupilas de Quico Otero espéraas unha xornada difícil no cume, coa visita á pista do complicado La Rioja FSF, quinto clasificado. Con todo, non só o terá duro o Burela FS Pescados Rubén; o seu rival no coliderado, Atlético de Madrid Navalcarnero, tamén se medirá a un rival perigoso, UA Alicante, sexto na táboa. O encontro entre logroñesas e mariñás será o único da xornada dominical (Palacio dos Deportes, 13.00 horas); o resto disputarase o sábado.

O sétimo compromiso de Primeira preséntase con moita motivación para as laranxas, que deberán defender a primeira praza ante un rival dos máis fortes da categoría, na semana anterior ao gran duelo co Atlético. “La Rioja é un equipo difícil de bater; imos a unha pista que por historia sempre é complicada para os rivais” advertía Quico Otero, destacando a calidade e a traxectoria das logroñesas: “É un grupo que leva anos unido e que está facendo unha boa campaña. Mantívose líder nas tres primeiras xornadas; de non ser o tropezo na casa do Valdetires seguiría na primeira praza” apuntaba o viveirense dun “dos equipos que máis me gusta”.

La Rioja FSF chegou á cuarta xornada con 9 puntos, cando caeu derrotado ante Valdetires (4-2); desde entón encadea os empates con Cidade das Burgas (1-1), na casa, e UA Alicante (2-2), a domicilio.

Quico Otero cumprirá o seu terceiro e último partido de suspensión, tras a sanción recibida en Alacante. A única ausencia na expedición laranxa, que partirá o sábado sobre as 11.00 horas cara ao destino da sétima xornada, será Paula, que continúa co seu proceso de recuperación.

Exit mobile version