Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Cultural A Pomba do Arco arranca este martes ás 20:30 no CENIMA o seu programa cultural “Descubre Galiza”

A Asociación Cultural A Pomba do Arco deu este martes arranque a un ambicioso proxecto lúdico cultural titulado “Descubre Galiza, Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país” e que pretende dar a coñecer Galiza desde diferentes esferas ao conxunto dos veciños da Mariña e moi particularmente do Concello de Foz. “Tal como recollemos no nome do proxecto o que se pretende é descubrir Galiza ao conxunto da sociedade, Galiza como realidade histórica, como colectividade capaz de crear unha cultura propia e tamén como unha realidade xeográfica que descoñecemos. A esa aventura queremos convidar aos veciños de Foz e da Mariña até o punto de que foron 37 as persoas que se anotaron xa neste Curso de Cultura Galega que hoxe arrancamos coa nosa primeira aula no CENIMA, que corre a cargo do profesror Marcos Loureiro.” afirmou Fernández Pacios.

A proposta da Pomba do Arco vaise articular a base a tres eixos didácticos, isto é unha aula sobre o período histórico en cuestión, a lectura de textos sobre a época e o tema e unha excursión vinculada á época que se está tratando. A Pomba do Arco divide este curso en 5 etapas: Idade Antiga, Alta Idade Media, Baixa Idade Media, Idade Moderna e Idade Contemporánea. Ou o que é o mesmo, máis de 2000 anos da historia de Galiza. Analizaránse períodos históricos coma o castrexo, a romanización, o Reino, o Priscilianismo, os Suevos, os Irmandiños, Pardo de Cela, os séculos escuros, a colonización, os Provincialistas, Rosalía de Castro, Curros ou Manuel María. Non debe quedar dúbida que estamos diante dunha primeira achega cun afán divulgador que percura facernos alfabeto no noso, no noso pasado e no que deste queda no presente.

Fernández Pacios indicou que “a actividade que da comezo o 5 de Novembro, vai ter continuidade o xoves 7 e o Domingo 10. Comezaremos cun percorrido pola Idade Antiga, a cargo do Profesor Marcos Loureiro, continuará coa lectura dunhas páxinas do libro de Anselmo López Carreira, relativas a este período e rematará cunha excursión que nos levará ao Castro de Vilalonga, ao recinto de culto Priscilianista de Santalla de Bóveda do século IV e a Casa Museo de Manuel María. A segunda das sesións desenvolverase no mes de Xaneiro é contará tamén con dúas aulas a cargo do profesor Marcos Loureiro, a lectura do libro de Anselmo López Carreira e unha excursión a Igrexa Sueva de Santa Comba de Bande (S VI), ao Mosteiro de Celanova que nos vincula a San Rosendo, Bispo que foi de San Martiño de Mondoñedo e ás orixes do reino de Galiza e rematará na Casa dos Poetas de Celanova, arredor de Curros e Celso Emilio o que nos vincula cos dous grandes poetas civís de Galiza. A idea e que canda unha das sesións se desenvolva cada dous meses”.

A Pomba do Arco valora moi positivamente tanto a participación neste curso como na excursión que vai aparellada a ela e que se desenvolverá o Domingo 10 de Novembro achegándonos ao mundo celta, á romanización e á figura do Poeta Manuel María ficando a día de hoxe dúas prazas por cubrir da mesma, as que aínda vos podedes anotar chamando ao 606-630-113.

Exit mobile version