Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino convoca unha asemblea para informar ao profesorado da Mariña do próximo concurso de traslados

A Mariña, 4 de novembro de 2013.- A CIG Ensino convoca a todo o profesorado interesado a unha asemblea informativa sobre o Concurso Xeral de Traslados e os específicos de Orientación e Educación Permanente de Adultos. A reunión celebrárase este martes, día 5 de novembro, no local da CIG en Burela, a partir das 6 da tarde.

A Orde da convocatoria do Concurso xa está publicada na páxina Consellaría de Educación e o prazo para participar será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte da publicación no DOG que será en breve. A novidade máis importante que Consellaría de Educación introduce é que vai recoñecer a antigüidade e os traballos desenvolvidos na situación de Funcionario en prácticas e interino de acordo coa doutrina do Tribunal europeo e en concordancia coa recomendación deste Tribunal, a fin de evitar futuras inseguridades xurídicas. Esta medida significa que as coordinacións, xefaturas e outros cargos realizados durante a situación administrativa de funcionario en prácticas e interino ou interina poderán ser puntuados nestes concursos.

A CIG-Ensino volveu a reivindicar nas mesa de negociación, en coherencia co anterior, que tamén se recoñeza a puntuación pola substitución de cargos, é dicir, que se lle recoñeza ao profesorado que exerce un cargo de dirección dun centro, ou a xefatura dun departamento ou outras funcións ou responsabilidades, por exemplo, cando o titular se encontra de baixa médica.

Na negociación das convocatorias dos Concursos de Traslados, Orientación e Educación de Adultos, a Consellaría aceptou propostas da CIG-Ensino como foron as de permitir a participación por dereito preferente nos concursos de Orientación e Educación Permanente de Adultos do profesorado suprimido e desprazado que reúna os requisitos necesarios e que se valore a coordinación de actividades extraescolares.

Exit mobile version