Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de Educación de Cervo convoca o XIV Concurso de postais de Nadal para nenos e nenas

postal_nadalCervo, 8 de novembro de 2013-Un ano máis a Concellería de Educación convoca o Concurso de postais de Nadal, que nesta ocasión chega á súa edición número 14. Un certame dirixido aos nenos e nenas de educación infantil e primaria e no que se pretende elixir o deseño da postal coa que o Concello felicitará as festas a institucións e entidades.

Para participar é necesario presentar unha postal de temática relacionada co Nadal e de técnica libre antes do día 18 deste mes. En canto ao formato, os orixinais deberán enviarse nunha cartolina tamaño folio e sen ningunha mención nin información que identifique ao autor. Iso si, os datos persoais incluiranse nun sobre pechado, que se entregará xunto á postal na Casa da Cultura ou na Casa do Concello.

Unha vez rematado o prazo e recollidas todas as postais participantes, un xurado conformado por cinco persoas elixirá o mellor deseño de cada unha das tres categorías de idade: de 3 a 5 anos, de 6 a 9 e de 10 a 12 anos, entre as que se poderá decidir tamén a postal coa que o Concello felicitará o Nadal. Os nomes dos gañadores coñeceranse na última semana do mes de novembro e posteriormente, o día 1 de decembro recibirán os premios. Como é habitual, todos os traballos concursantes exhibiranse nunha exposición durante a época do Nadal.

A edil de Educación, Pilar Armada, destaca que este é un concurso con moita tradición no Concello e co que se pretende “animar aos nenos e nenas a desenvolver a súa imaxinación e creatividade a través do debuxo coa motivación engadida de saber que o seu debuxo pode ser o que utilice o Concello para felicitar o Nadal”.

O ano pasado presentáronse unha vintena de traballos, entre os que resultou gañadora a postal de Eva López López  O Concello agarda que este ano se superen estas cifras de participación, para o que xa enviou información do concurso aos centros escolares do municipio.

Exit mobile version