Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación amplía a 500 persoas a formación gratuíta sobre profesións de futuro

porto-empregoA Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, ofreceu este xoves novidades sobre as 10 liñas de creación de emprego da institución na provincia. García Porto adiantou, en primeiro lugar, que o organismo lugués amplía a 500 persoas a formación gratuíta do Fórmate en Verde, o plan de emprego que contribúe a inserción laboral en profesións de futuro, como son a agricultura e a gandería ecolóxica, así como o sector forestal, ó tempo que fixa poboación no rural. Hoxe mesmo, ábrese o prazo de solicitudes para 10 novas accións formativas gratis e abertas a todos os cidadáns na web www.deputacionlugo.org.

920 persoas xa se beneficiaron do Fórmate en Verde, e están agora recibindo asesoramento personalizado para a creación de empresas ou cooperativas vinculadas ós sectores agropecuario e forestal logo de rematar coa formación práctica das 41 accións formativas nas que participaron. É dicir, con este incremento, a Deputación forma gratis a 1.420 persoas sobre profesións de futuro coas 51 actuacións que inclúe este plan de emprego.

A nova programación, con 10 accións formativas, distribúese do seguinte xeito: 4 cursos sobre gandeiría, con formación especializada sobre o sector vacún; 2 sobre agricultura, para mellorar os resultados das colleitas ou a produción vinícola; e 4 sobre o sector forestal, para o aproveitamento dos seus recursos, contribuíndo, ademais, a un modelo de xestión sostible con, por exemplo, acción formativas sobre a plantación de soutos en espazos abandonados e, posteriormente, recolleita e comercialización da castaña.

58 bolsas de emprego para mozos
García Porto ofreceu novidades sobre outra das 10 liñas de emprego da Deputación na provincia, concretamente, sobre as bolsas de emprego para mozos lucenses. A Deputada adiantou que mañá a Xunta de Goberno Provincial resolverá o proceso de selección de novas becas Leonardo da Vinci, que permitirán a 58 mozos lucenses desempregados, con titulación universitaria e Formación Profesional, mellorar a súa formación en prestixiosas empresas europeas para, posteriormente, contribuír a súa inserción laboral en España. “É un viaxe de ida e volta. Melloran a súa formación para traballar no noso país”, destacou.
Orzamento 2014

A Deputada avanzou que, tamén este venres, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, presentará na provincia o Orzamento da institución para 2014, “que novamente estará totalmente vinculado ó emprego, ó igual que este ano”. García Porto subliñou que no presuposto para 2013 xa se incrementou nun 63% a partida para fomento do emprego.

Exit mobile version