Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación critica que o PP pide un pleno extraordinario “para tratar de vetar a creación de postos de traballo”

A Deputación de Lugo denuncia que a petición dun pleno extraordinario que vén de presentar o Partido Popular nas dependencias provinciais “é totalmente inaudita e insensata, pois piden un pleno contra o emprego, tratando de vetar a creación de postos de traballo”. O voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, subliñou ademais que a solicitude retrata o “oportunismo e indecencia política” dos populares, “pois onte mesmo tiveron a oportunidade de levar esta cuestión ó pleno ordinario, e non o fixeron para alongar unha ofensiva propagandística coa que pretenden atacar a quen consideran un inimigo político, en vez de defender os intereses dos veciños de Lugo”. Martínez aseverou que, con esta petición, “sospeitamos” que o grupo da oposición “quere cobrar as dietas” e obriga a “malgastar os cartos públicos, o diñeiro de todos, nun pleno innecesario, porque onte tiveron unha magnífica oportunidade para levar unha moción sobre esta cuestión”.

O Deputado asegurou en calquera caso que os populares “quedarán en evidencia” nesta sesión extraordinaria sobre o plan provincial que, baseado en criterios totalmente obxectivos, dará traballo a 80 desempregados de concellos de menos de 5.000 habitantes durante 15 meses. “Demostrarase que a Xunta e o Goberno central, coas competencias na materia, non fan nada, mentres a Deputación loita eficazmente contra o paro”, afirmou.

Neste senso, recalcou que o programa “contra o que tanto carga o PP” súmase ás 10 liñas de emprego con 4.000 beneficiarios de toda a provincia que a Deputación impulsou 2007. Neste senso, Martínez garantiu que, a pesar das “trabas e manipulacións” dos populares, a institución luguesa continuará “volcada co emprego, o principal problema desta provincia e deste país”. De feito, onte mesmo aprobou un orzamento para o 2014 centrado na creación de emprego. O vindeiro ano executará programas de inserción laboral para todos os municipios lucenses por valor de 12,8 millóns de euros neste eido, triplicando deste xeito os investimentos que fai a Xunta na provincia en emprego.

“O PP non só destrúe emprego, carga contra quen o crea”
A Xunta é a administración con competencias en emprego e ten 100 veces máis orzamento que a Deputación lucense, pero sen embargo “non fai nada, renunciou a crear emprego, como tamén o fixo Rajoy”. Dende que goberna Feijóo en Galicia, recortou en 238 millóns de euros os fondos para políticas activas de emprego e ata un 74% o investimento por galego desempregado. “O resultado: máis paro”, afirmou Manuel Martínez. “En Lugo hai case 7.000 persoas máis sen traballo, e en Galicia o desemprego bate récords e sube por riba da media do Estado”, engadiu.

“Feijóo nin sequera responde” ás peticións que dende hai dous anos lle leva facendo o Presidente provincial para reunirse e falar dos problemas de Lugo e, a pesar de todo iso, “somos quen de impulsar proxectos que atenden os problemas e necesidades dos lucenses”, asegurou Martínez. “Aí radica o problema. Como a Xunta está desaparecida en Lugo, o Partido Popular non quere que outros fagan o que eles non fan. Non só destrúen emprego, cargan contra quen o crea. Enfádanse porque a Deputación fai plans de emprego; enfádanse porque constrúe residencias e centros de día públicos para os nosos maiores; enfádanse porque constrúe o 1º centro público de recría de gando de España; enfádanse porque garante o Plan de Obras e Servizos…” “Son como el perro del hortelano: nin fan, nin deixan facer. Non vaia ser que queden en evidencia e se demostre que existe unha alternativa á súa austérica xestión”, argumentou o Deputado.

“O plan corrixe o sectarismo da Xunta”
O plan impulsado pola Deputación, dotado con 2 millóns de euros, dará traballo durante 15 meses a uns 80 desempregados de concellos de menos de 5.000 habitantes. Os criterios obxectivos para conceder as axudas son a taxa de desemprego, a superficie de Rede Natura e a extensión forestal. Con esta iniciativa, o Goberno provincial “corrixe o sectarismo que practica a Xunta. Mediante criterios totalmente obxectivos, como o Goberno galego habitualmente non fai, a Deputación favorece ó maior número de concellos, primando aquelas zonas que teñen menos posibilidades de desenvolvemento”.

Como “exemplo claro” desta discriminación, o Deputado puxo o reparto que fai o Goberno autonómico dos obradoiros de emprego. Dos 40 Concellos beneficiados nos últimos 3 anos, 37 están gobernados polo PP; e os pequenos municipios non teñen “ningunha posibilidade de acceder porque impoñen como requisito ter unha media anual de 500 desempregados, unha cifra que ningún acada”, explicou.

“Os representantes do PP, como delegados da Xunta, non só non queren que se corrixa a marxinación do Goberno galego na provincia, senón que defenden unha dobre marxinación: aqueles Concellos ós que a Xunta marxinou, que volvan ser marxinados”, argumentou Martínez. “A xurisprudencia do Tribunal Constitucional di que non se pode tratar igual ós desiguais, e iso é o que defendemos e cumprimos na Deputación”, engadiu.

A Deputación cumpre a lei
Neste senso, recalcou que, con este plan de emprego, a Deputación cumpre coa lexislación vixente -como a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade ou a Lei de Desenvolvemento Rural Sostible- ó compensar con recursos públicos ós Concellos que contan con zonas medioambientalmente protexidas (Rede Natura, LIC, Reserva da Biosfera, Monumento Natural), dadas as limitacións que implican estas declaracións para o desenvolvemento económico do territorio afectado. “A Xunta non o fai”, engadiu.

Exit mobile version