Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo aproba unha fórmula pioneira en España para favorecer o asentamento empresarial e crear emprego

A Deputación de Lugo aprobou unha fórmula pioneira en España para favorecer o asentamento empresarial e crear emprego. Consiste en ofrecerlles ós empresarios, interesados en situar os seus negocios nos 7 polígonos que construíu a institución na provincia, a posibilidade de financiarlles, nun mesmo paquete, o custe da parcela e a construción das súas instalacións. O número de empregos máis o impacto socio-económico na zona serán os requisitos fundamentais para beneficiarse deste novidoso programa.

Así o acordou o Consello da Sociedade Urbanística Provincial –SUPLUSA-, organismo dependente da Deputación, durante a sesión na que abordou o seu Presuposto para 2014, dotado de 6 millóns de euros. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que “estamos comprometidos co solo industrial. Esta pioneira fórmula es España é un paso adiante na nosa aposta por favorecer o asentamento empresarial e crear emprego. Xa reducimos o prezo das parcelas, facendo que o metro cadrado dos nosos parques industriais chegase a ser un 67% máis barato que, por exemplo, o que ten a Xunta nas Gándaras, na capital lucense. Despois de dous anos advertindo ó Goberno galego de que, con eses prezos, os seus polígonos se converterían en páramos, parece que por fin se decidiu a rebaixalos para tratar de colocar os 2,8 millóns de metros cadrados que acumula, o triple da superficie das 7 grandes cidades galegas. É imprescindible que as administracións ofrezamos incentivos e facilidades ós empresarios e emprendedores para asentar as súas empresas e crear emprego, poñendo fin a sexa imaxe de polígonos baleiros da Xunta”.

Hai anos que o organismo provincial reduciu o prezo do solo dos seus polígonos, conseguindo que a media se sitúe na actualidade nos 35 euros por metro cadrado. Dende 2010, a institución ofrece ós empresarios a posibilidade de efectuar o pago das parcelas nun prazo máximo de 5 anos. Ademais, no caso de que nese tempo os compradores non pagasen a parte correspondente, elimínanse as cláusulas de penalización, devólvese á empresa a cantidade aportada e a institución recupera a titularidade da propiedade.

Ante a inexistencia deste tipo de fórmulas por parte da Xunta de Galicia, xa no 2011, o organismo provincial advertiulle da necesaria posta en marcha de políticas de actuacións nesta materia. Dous anos despois, cando o Executivo autonómico acumula na Comunidade 947 parcelas cunha superficie de 2,8 millóns de metros cadrados baleiras, o Goberno galego anunciou medidas, seguindo os pasos da Deputación de Lugo.

6 millóns de euros
Precisamente, para poñer en marcha esta pioneira fórmula en España en impulso do asentamento empresarial e a creación de emprego, o Consello de Suplusa aprobou o seu Orzamento para 2014, dotado de 6 millóns de euros. Deste xeito, este presuposto será para favorecer o desenvolvemento urbanístico dos 7 polígonos que construíu a Deputación na provincia, situados en Begonte, Castroverde, Baleira, Ourol, Friol, Chantada e Paradela. Tamén se adicará ó mantemento de espazos naturais nas ribeiras do Rato, Chanca, Fervedoira, Miño, Cabe, Sil, Narla, Quiroga e Asma; así como á conservación das áreas verdes que xestiona a institución na provincia, que suman 1.200.000 metros cadrados.

Exit mobile version