Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo triplica no 2014 os investimentos en emprego que fai a Xunta na provincia

garciaporto-pleno-graficosA Deputación de Lugo triplica no ano 2014 os investimentos en emprego que fai a Xunta de Galicia na provincia. Así o certificou este martes a delegada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante o Pleno no que se aprobaron os Orzamentos da entidade lucense para o vindeiro ano, ó sinalar que, fronte ós 12,8 millóns de euros que investirá a Deputación no 2014, o Goberno de Feijóo, con 100 veces máis orzamento, dedicoulle 4 millóns en 2013, “tal e como presume Balseiro”. As achegas provinciais en emprego “distan moito tamén” das que facía o PP na súa etapa á fronte da Deputación, pois a partida orzamentaria contemplada para este fin en 2006 e 2007 “foi de 18.030 euros”.

O Orzamento 2014 da Deputación de Lugo, que ascende a 89.441.549 euros, foi aprobado pola Corporación provincial no Pleno celebrado esta mañá, cos votos en contra do Grupo Popular. “O emprego é a prioridade absoluta deste Goberno, e polo tanto, deste presuposto”, subliñou a Deputada de Economía, pois, “aínda que non temos as competencias nesta materia, sabemos que o paro é o principal problema dos veciños da provincia e deste país. Por iso, como institución responsable e eficaz, que atende os problemas reais das persoas e defende o Estado de Benestar, volcámonos coa creación de emprego, sendo conscientes ademais de que as administracións competentes neste eido, Xunta e Goberno central, non están a reaccionar”.

“Feijóo e Rajoy renunciaron a crear emprego”
Neste senso, García Porto recalcou que, mentres a Deputación impulsou dende o ano 2007 ata 10 liñas de emprego “para todos”, e nos últimos dous anos subiu un 90% os investimentos neste eido, o Goberno galego baixounos, no mesmo período, en 156 millóns e o do Estado, en 4.000 millóns. De feito, “Feijóo e Rajoy renunciaron a crear emprego”, destacou a Deputada, lembrando que o Presidente da Xunta asegurou “que non ten as competencias” nesta materia e o do Goberno central admitiu “que non creará emprego nesta lexislatura”.

Ademais de investir 12,8 millóns de euros, a Deputación tamén mantén emprego rematando o 1º centro de recría de gando vacún de España, no que inviste 4,5 millóns no 2014, lembrou a delegada de Economía, pois “os 200 empregos que supón a última fase das obras son de Lugo, e a posta en marcha das instalacións, en 2015, potenciará un sector estratéxico para Galicia como o agrogandeiro”. Mantén emprego ademais co Plan de Conservación de Estradas, ó que destina 4 millóns, “que servirán para garantir uns 350 postos de traballo nas empresas adxudicatarias destes traballos”, e apoiando o turismo, a cultura e o deporte, áreas para as que reserva 9,7 millóns de euros no 2014, detallou a delegada de Economía.

Servizos sociais, cooperación cos Concellos e contas saneadas

Xunto ó emprego, “o noso primeiro e máis importante compromiso”, recalcou Porto, o Orzamento ten outras tres prioridades:
– Garantir uns servizos públicos de calidade: A pesar de non contar co apoio da Xunta, aumenta por 2º ano a partida de Servizos Sociais, ata elevala ós 2,9 millóns de euros. Dentro desta partida, a entidade mantén 1,3 millóns para o Servizos de Axuda no Fogar.
– Cooperar ó máximo cos Concellos: Ademais de asesoramento técnico, a Deputación continúa con programas para axudarlles a aforrar ós Concellos nos gastos correntes, na Administración Electrónica, facilítalles liquidez co Sistema de Recadación Provincial, e inviste 7,4 millóns en plans de obras e no Consorcio Provincial de Bombeiros.
– Manter unhas contas públicas saneadas: No 2014, a débeda baixa en 11 millóns de euros coa meta de acadar o endebedamento cero no 2016.

A Deputación que máis inviste
O organismo lucense está á cabeza en Galicia dos que dedican unha maior porcentaxe do seu orzamento a investimentos e tamén en execución orzamentaria, prevendo pechar o 2013 nun 80%, segundo anunciou Pilar García.

Retirada da suba do canon de Sogama
Por outra banda, o Pleno aprobou, co voto en contra do PP, esixir á Xunta a retirada da proposta para o incremento, nun 33,5%, do canon polo servizo de Sogama; a creación dunha mesa de negociación, xunto á FEGAMP, na que se estuden os custos reais do tratamento de residuos nos Concellos; a realización dunha auditoría externa para coñecer a verdadeira situación da Sociedade Galega de Medio Ambiente; e, no caso de non retirar o incremento do canon, que este sexa asumido, integramente, polo Executivo autonómico.

Paralización da venda de NGB
A corporación acordou, tamén co rexeitamento do PP, instar ós Gobernos galego e central a que paralicen a inminente venda de NGB para seguir recuperando os case 10.000 millóns de euros de cartos públicos inxectados nesta entidade e asegurar o mantemento dos 4.300 postos de traballo que xera.

Exit mobile version