Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación denuncia que o PP quere prohibirlle crear emprego na provincia

A Deputación de Lugo denunciou que, coa oposición ó plan provincial que dará traballo a 80 desempregados de concellos de menos de 5.000 habitantes, o Partido Popular “quere prohibirnos a creación de emprego, defende que os concellos marxinados pola Xunta volvan ser marxinados e pretende que vulneremos a lexislación que obriga a compensar con recursos públicos ós municipios que contan con zonas medioambientalmente protexidas”. O voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, lembrou que este programa contra o que carga o PP súmase ás 10 liñas de creación de emprego que leva impulsando o Goberno provincial desde 2007 para todos os municipios da provincia.

“O PP non só destrúe emprego, carga contra quen o crea”
A Xunta é a administración con competencias en emprego e ten 100 veces máis orzamento que a Deputación lucense, pero sen embargo “non fai nada”. Dende que goberna Feijóo en Galicia, recortou en 238 millóns de euros os fondos para políticas activas de emprego e ata un 74% o investimento por galego desempregado. “O resultado: máis paro”, afirmou Manuel Martínez. “En Lugo hai case 7.000 persoas máis sen traballo, e en Galicia o desemprego bate récords e sube por riba da media do Estado”, engadiu.

“Feijóo nin sequera responde” ás peticións que dende hai dous anos lle leva facendo o Presidente provincial para reunirse e falar dos problemas de Lugo e, a pesar de todo iso, “somos quen de impulsar proxectos que atenden os problemas e necesidades dos lucenses”, asegurou Martínez. “Aí radica o problema. Como a Xunta está desaparecida en Lugo, o Partido Popular non quere que outros fagan o que eles non fan. Non só destrúen emprego, cargan contra quen o crea. Enfádanse porque a Deputación fai plans de emprego; enfádanse porque constrúe residencias e centros de día públicos para os nosos maiores; enfádanse porque constrúe o 1º centro público de recría de gando de España; enfádanse porque garante o Plan de Obras e Servizos…” “Son como el perro del hortelano: nin fan, nin deixan facer. Non vaia ser que queden en evidencia e se demostre que existe unha alternativa á súa austérica xestión”, argumentou o Deputado.

“O plan corrixe o sectarismo da Xunta”
O plan impulsado pola Deputación, dotado con 2 millóns de euros, dará traballo durante 15 meses a uns 80 desempregados de concellos de menos de 5.000 habitantes. Os criterios obxectivos para conceder as axudas son a taxa de desemprego, a superficie de Rede Natura e a extensión forestal. Con esta iniciativa, o Goberno provincial “corrixe o sectarismo que practica a Xunta”. Como “exemplo claro” desta discriminación, o Deputado puxo o reparto que fai o Goberno autonómico dos obradoiros de emprego. Dos 40 Concellos beneficiados nos últimos 3 anos, 37 están gobernados polo PP; e os pequenos municipios non teñen “ningunha posibilidade de acceder porque impoñen como requisito ter unha media anual de 500 desempregados, unha cifra que ningún acada”, explicou.

“Os representantes do PP, como delegados da Xunta, non só non queren que se corrixa a marxinación do Goberno galego na provincia, senón que defenden unha dobre marxinación: aqueles Concellos ós que a Xunta marxinou, que volvan ser marxinados”, argumentou Martínez. “A xurisprudencia do Tribunal Constitucional di que non se pode tratar igual ós desiguais, e iso é o que defendemos e cumprimos na Deputación”, engadiu.

A Deputación cumpre a lei
Neste senso, recalcou que, con este plan de emprego, a Deputación cumpre coa lexislación vixente -como a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade ou a Lei de Desenvolvemento Rural Sostible- ó compensar con recursos públicos ós Concellos que contan con zonas medioambientalmente protexidas (Rede Natura, LIC, Reserva da Biosfera, Monumento Natural), dadas as limitacións que implican estas declaracións para o desenvolvemento económico do territorio afectado. “A Xunta non o fai”, engadiu.

6 anos volcados co emprego
Martínez subliñou así mesmo que a Deputación leva 6 anos volcada co emprego. Dende o 2007, impulsou ata 10 liñas de inserción laboral para todos os Concellos da provincia, con uns 4.000 lucenses beneficiados.

Trátase dos seguintes programas:
1. O Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas
2. O Pacto Provincial polo Emprego, que, entre a primeira e a segunda fase, beneficia a case 2.000 desempregados
3. O plan de emprego Fórmate en Verde, no que participan 900 persoas
4. Un plan de emprego en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), que beneficiará a 50 persoas, sobre todo mozos
5. Vinte becas medioambientais para mozos titulados
6. Trinta bolsas de emprego en innovación
7. Cinco becas en artesanía
8. As becas Leonardo da Vinci, con 140 mozos titulados beneficiados
9. A través do programa de economía medioambiental Lug02 contribuíu a crear 5 empresas, que crearon uns 20 empregos
10. Achega 350.000 euros anuais para os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), que garanten a contratación de 80 traballadores.

Exit mobile version