Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación entregou á Xunta as alegacións contra a modificación do actual trazado do Camiño Norte

foto-presentadas-alegaciónsLugo, 1 de novembro de 2013.- A Deputación fixo chegar á Dirección Xeral de Patrimonio as súas alegacións contra a modificación do actual trazado do Camiño Norte, concretamente, na Etapa 31, ó seu paso polos Concellos de Friol, Guitiriz e Begonte. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregaron, persoalmente, no Rexistro da Xunta en Lugo as alegacións, elaboradas dende o departamento que Santos Ramos dirixe en resposta ás demandas veciñais, que acadaron a unanimidade do Pleno Provincial.

O pasado 4 de setembro, o DOGA publicou a resolución do Goberno galego, pola que se someteu a información pública a proposta de modificación do trazado actual do Camiño do Norte. A decisión unilateral da Xunta supuxo que a Deputación recibise peticións de 5 colectivos -Asociacións Amigos da Etapa 31, Veciños de San Breixo, Veciños das Negradas e Veciños de Montenegro de Baamonde-, ademais da do Concello de Friol, pedindo colaboración. O Deputado de Cooperación cos Concellos fíxose cargo da elaboración dunha proposta de alegacións, que presentou na sesión plenaria e contou co respaldo de todos os representantes na Corporación Provincial.

As alegacións da Deputación baséanse nos seguintes aspectos:
1.- Lexitimidade histórica. O actual trazado do Camiño Norte é froito dun rigoroso estudo, que financiou e elaborou a Deputación de Lugo en 1991, e no que participaron prestixiosos historiadores. Xunta de Galicia e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo asumiron este trazado e sometérono a exposición pública no 1997, non recibindo alegación algunha. Agora, a proposta da Xunta desmonta dito estudo, ó apuntar que a orixe do Camiño Norte data de finais do século XVIII e principios do XIX, omitindo, deste xeito, a influencia dos camiños medievais do século IX e do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago.

2.- Impacto no tecido socioeconómico. A Xunta propuxo modificar o actual Camiño sen coñecer as súas consecuencias, ó non realizar, previamente, un estudo de impacto económico, social e cultural. O Goberno galego non tivo en conta os 20 negocios situados no contorno da Etapa 31 ó seu paso pola provincia, cuxa actividade depende, directamente, do Camiño (locais de hostalería, turismo rural, comercios, albergues, centro de atención ó peregrinos..). E é que, coa proposta da Xunta, os peregrinos non discorrerán por albergues ou lugares de interese turístico, como por exemplo o Castiñeiro Milenario, afectando, principalmente, 8 parroquias: 6 de Friol (Seixón, Miraz, Anxeriz, Anafreita, San Mamede de Nodar e Silvela) e 2 de Guitiriz (Santa Leocadia e San Breixo). A proposta do Executivo autonómico condena a ducias de establecementos ó seu peche, destruíndo emprego no rural e agravando a sangría demográfica.

3.- Seguridade dos peregrinos. O trazado que propón a Xunta non aparece nas guías, non conta con sinalización e transcorre por puntos asolagados, poñendo en riscos ós peregrinos.

Resposta Social
Centos de cidadáns amosaron xa a súa contra á modificación do actual trazado do Camiño Norte que quere levar a cabo a Xunta, organización manifestacións por distintos puntos da provincia e da Comunidade, nas que participaron Deputados Provinciais. Precisamente, mañá, ás 17:00 horas, Regina Polín secundará a xornada que organiza a asociación “Mulleres no Camiño”, no Albergue de Miraz, no Concello de Friol.

Exit mobile version