Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza na Mariña dous obradoiros gratuítos con trucos e consellos de reciclaxe e aforro familiar

A Deputación leva á Mariña a programación do Centro de Interpretación Terras do Miño, organizando dous obradoiros gratuítos pensados para fomentar a adopción de hábitos de consumo responsable no fogar, que axuden a preservar o medioambiente e contribúan a aforrar reciclando e reutilizando materiais caseiros e naturais.

Os obradoiros ofrecen 20 prazas cada un, e celebraranse os días 27 e 28 de novembro na Casa da Ría de Ribadeo, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Comprenden explicacións teóricas e prácticas para promover o aforro de enerxía e auga e a reciclaxe nos fogares, reflexionando sobre o uso dos recursos naturais e avogando pola adopción de costumes respectuosas co medio. No obradoiro do día 27, os asistentes aprenderán a reciclar papel e elaborar cestas con este material, ademais de realizar cremas cosméticas. O segundo día os obradoiros versarán sobre a elaboración de xabóns, deterxentes e suavizantes, ou mesmo a elaboración de combustible biodiesel.

Trátase dunha iniciativa de concienciación medioambiental que forma parte da programación nos Concellos posta en marcha pola Deputación dende o Centro de Interpretación Terras do Miño para o 4º trimestre do ano. Para participar e ampliar información sobre esta e outras actividades do CITM, só é necesario entrar na web www.deputaciondelugo.org, ou ben chamar ó número de teléfono 982 227 812.

Charla de micoloxía en Lugo
Entre as actividades que impulsa o Centro de Interpretación Terras do Miño hai conferencias, obradoiros e rutas para toda a familia. Este sábado, 30 de novembro, celébrase no Centro de Interpretación, o obradoiro familiar Achegamento á micoloxía II, continuación do celebrado o pasado día 16 de novembro, na que participaron 30 persoas, que descubriron en familia os segredos dos cogomelos. Este sábado continuarán a súa formación teórica e de novo, sairán ó bosque a recoller exemplares.

Exit mobile version