Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo acolleu o pasado luns un acto para conmemorar o vinte aniversario da súa creación

061113 Foto escola musica RibadeoRibadeo, 6 de novembro de 2013. A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo acolleu o pasado luns un acto para conmemorar o vinte aniversario da súa creación, no que interviron a concelleira de Educación e Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, e o director da EMMeD, Hugo García.

Éste sinalou na súa intervención que “o día de hoxe é un día especial para todas e todos os que formamos a gran familia que é a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Tal día como hoxe, 4 de novembro, a esta mesma hora, hai 20 anos tiña lugar o acto de apertura do primeiro curso académico do centro, coas intervencións do que foi creador e director do centro, Hernán Naval, e de Eduardo Gutiérrez, alcalde de Ribadeo. Por aquel entón, botaba a camiñar un proxecto que supoñía a regulación dos estudos que ata ese momento realizaba a Academia Carlos A. Fdez.-Cid”.

García dixo que “esta Escola que nacía sería pioneira en toda Galicia, xa que era a primeira que se adaptaba á nova lexislación do novo sistema educativo, a LOXSE; o que se pretendía era que as Escolas de Música e Danza asumiran o papel dos Conservatorios Elementais. Arrancaba aquel primeiro curso cunha matrícula aproximada de 100 alumnos e alumnas e un plantel de 4 profesoras e profesores. Foi modelo, e segue sendo referente para todos os centros destas características en todo o país, ofertando unha amplo abano de materias, e cun persoal especializado e preparado”.

O director da EMMeD manifestou que “os anos foron pasando e o esforzo feito tanto polas persoas que aquí medramos como das institucións, fixo que o proxecto se fora consolidando desde o comezo, mantendo na actualidade os mesmos sinais de identidade que no ano 93. Agora o centro conta cunha matricula que rolda os 290 alumnos e alumnas, e cun plantel estable de 14 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”. E indicou que “se aumentou o tempo de clase individual dos 30 minutos que por aquel entón se ofrecían, aos 45 minutos. A oferta académica incrementouse, incluíndo no currículo materias como gaita, canto, danza, ballet… que daquela non se contemplaban no centro. Creáronse diferentes agrupacións como poden ser o grupo de guitarras, de percusión, metal… Continúase coa iniciativa de colaboración cos centros de ensino da vila, de concertos na rúa e un sen fin de actividades que fan que o centro sexa un centro socio-cultural de referencia”.

Hugo García contou que “este primeiro acto, dá a saída a unha serie de actividades e proxectos que se levarán acabo durante todo o curso para conmemorar este vixésimo aniversario. Queremos no día de hoxe, presentar o cartaz que se empregará durante todo este curso para as actividades que realicemos, así como a lona que puideron ver á súa entrada e na que plasmamos o discurso de apertura de Hernán Naval, unha foto dese mesmo acto e un impreso da matrícula oficial dese curso 93-94. Pero, sen dúbida a mellor homenaxe que podemos facer a estes 20 anos é seguir mantendo o proxecto, artellar un centro vivo no que se fomente unha educación transversal, no que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos musicais teóricos senón que podan amosalos enriba do escenario, compartir experiencias con outras escolas, participar en actividades que vaian máis aló da música que axuden a integrar a igualdade, a axuda ou o traballo en común no día a día da EMMeD”.

O acto pechóuse cunha actuación da orquesta do centro que interpretou un fragmento dunha das primeiras obras que a mesma agrupación interpretou da man do alma máter do centro, Hernán Naval, Pompa e Circunstancia.

Exit mobile version