Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación Provincial de Cofradías de Lugo celebra xornadas formativas sobre o novo decreto de cofradías

A Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo celebrou o pasado xoves 21 de novembro dúas xornadas técnicas de formación sobre o novo Decreto de Cofradías.

Estas xornadas informativas, que se celebraron no salón de actos da Confraría de Burela, estaban dirixidas ó persoal técnico e representantes dos órganos de goberno das seis confrarías de pescadores da provincia de Lugo.

Dúas das principais novidades que presenta o novo Proxecto de Decreto de Confrarías, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado xoves día 14 e que entrará en vigor previsiblemente no primeiro trimestre do próximo ano, teñen que ver cos procedementos electorais e coas novidades de carácter administrativo e contable das confrarías de pescadores.

O proxecto atópase agora na última fase de tramitación, co informe preceptivo ante o Consello Económico e Social (CES) e durante os próximos meses terá lugar a súa aprobación definitiva, publicación e entrada en vigor.

A primeira sesión informou sobre os novos procedementos electorais, posto que no novo decreto regúlase a unificación de todo o proceso electoral en Galicia e a convocatoria única de eleccións en tódalas confrarías. Nela tratouse sobre a necesidade de actualizar e completar os censos de afiliados e o papel das comisións e mesas electorais no proceso conxunto. Neste aspecto presentouse tamén unha plataforma informática elaborada para a xestión destes procesos, que vai facilitar a cobertura e envío das actas electorais.

A continuación a empresa encargada dos mantementos informáticos das confrarías de pescadores, Plexus, a través de Mónica Illadre, presentou unha plataforma informática elaborada para a xestión destes procesos, que facilita a cobertura e envío das actas electorais.

Na segunda sesión, que estivo dirixida por Mario López, economista con experiencia no asesoramento das confrarías, presentáronse as principais novidades administrativas do novo Decreto: os principios de legalidade, transparencia contable e democracia interna na xestión administrativa e contable. Aproveitouse para revisar as principais obligacións contables, orzamentarias e económicas.

As principais funcións da Federación Provincial son as de xestionar e coordina-los intereses comúns das diferentes confrarías, actuando como órgano de consulta e colaboración coas Administracións Públicas.

O venres pola tarde celebrouse na Confraría de Burela unha nova sesión informativa, neste caso dirixida á Xunta Xeral da Federación, que está constituida polos patróns e vicepatróns maiores primeiros de cada confraría.

Exit mobile version