Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fegamp acorda coa Xunta unha subida gradual do canon de Sogama

SANTIAGO. A Fegamp acordou este venres coa Xunta atrasar a aplicación do incremento do canon de tratamento do lixo ao próximo 1 de xullo de 2014, en lugar do 1 de xaneiro inicialmente previsto por Sogama. Deste xeito, o incremento non será do 34% senón do 17%, ao aplicarse en seis meses e non en doce. A subida restante atrasarase ata 2015, e dependerá tamén do novo escenario do mercado enerxético estatal froito da recente reforma do sector.

Este foi o principal acordo alcanzado na reunión que mantivo hoxe a Fegamp co conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. En representación da Federación asistiron o seu presidente, o alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, e os vicepresidentes primeiro e segundo, Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras, e Francisco García, alcalde de Allariz, respectivamente.

Para Rey Varela, “trátase dun avance moi importante e considerable”, que será trasladado á Comisión Executiva da Fegamp, convocada de maneira extraordinaria a próxima semana. “Partiamos dun incremento do 34% e agora temos unha medida paliativa” que é sensible ao difícil escenario económico que atravesan “as economías dos concellos e os veciños”.

Sobre o seu traslado ao recibo que abonan os cidadáns, o presidente da Fegamp lembrou que “cada concello ten situacións distintas, porque hai unha parte de autonomía local” que decide que repercusión ten este incremento, “xa que algúns municipios decidiron asumilo con fondos propios, outros repercutilo integramente e outros parcialmente”.

O resultado da reunión tamén foi apoiado polos vicepresidentes. Para Alfredo García, “pasamos de non falar e non aceptar o diálogo a alcanzar acordos importantes”, polo que se demostra “que a Fegamp é importante, porque podemos traballar xuntos e conseguir cousas”. “Aquí ou gañabamos todos ou perdiamos todos, e neste caso podemos gañar todos”. Para o rexedor de O Barco, “ao longo de 2014 só pagaremos a metade do que estaba previsto”.

Neste mesmo sentido pronunciábase Francisco García, que realizaba “unha valoración positiva”, á espera “de coñecer en 2014 cal vai ser o resultado da reordenación do mercado eléctrico e que repercusións vai ter”. Así, defendeu que se manteñan as actuais primas que permiten a xeración de enerxía eléctrica a través da biomasa, “e non se xeren os problemas que estamos a ter agora”.

Fegamp e Xunta tamén acordaron crear un grupo de traballo entre a Consellería, Sogama e a Federación “para estudar, planificar e decidir que modelo vai seguir este país cos residuos”, segundo adiantou Alfredo García. “Damos aos alcaldes a posibilidade de que participen nesta definición, e iso é importante”, engadiu.

Exit mobile version