Site icon Crónica3.com A Mariña

A marcha contra a violencia de xénero percorreu as rúas de Vilanova despois de presentar o Plan Municipal de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

251113 Foto marcha LourenzaLourenzá, 25 de novembro de 2013. A marcha contra a violencia de xénero organizada polo Concello de Lourenzá percorreu as rúas de Vilanova despois do acto de presentación do plan municipal de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Os actos remataron coa lectura dun manifesto por parte da concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, e coa solta de globos de cor malva que portaban os participantes na mobilización.

O plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, aprobado no pleno da corporación municipal celebrado o día 15 deste mes, foi presentado esta tarde no Torreón dos Frades. A continuación iniciouse a marcha que percorreu as rúas de Vilanova para rematar na Praza do Conde Santo, onde Lupe Flórez leu o seguinte manifesto:

“Con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero, os veciños e veciñas do Concello de Lourenzá manifestamos o noso máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia, especialmente a exercida contra as mulleres.

A violencia que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres constitúe a máis clara manifestación das desigualdades que persisten entre mulleres e homes, constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

As situacións de violencia de xénero requiren unha resposta coordinada, eficaz e interdisciplinar por parte das distintas administracións.

Na última década foron asasinadas en España 700 mulleres a mans das súas parellas, 600.000 son maltratadas cada ano e menos da cuarta parte decide facelo público. Por iso resulta imprescindible xuntar todos os esforzos para facer fronte a este grave problema público e social, apelando á unidade de todas as forzas políticas e das Administracións Públicas, contando coa implicación da sociedade no seu conxunto e apoiando o labor das organizacións especializadas da sociedade civil.
Consciente da necesidade de seguir avanzando neste ámbito o Concello de Lourenzá reitera o seu compromiso co obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática”.

Os actos remataron coa solta dos globos de cor malva que portaban os participantes na marcha.

Ademais durante toda esta semana estará colocado na Casa do Concello un lazo malva e un libro de firmas para que todas as persoas que queiran asinen para manifestar a súa repulsa á violencia de xénero.

Exit mobile version