Site icon Crónica3.com A Mariña

A mediametraxe ‘París’, dirixida por Óliver Laxe, xa se pode ver no espazo web cinemalugo.tv

Lugo, 28 de novembro de 2013. A mediametraxe “París”, dirixida polo cineasta galego Óliver Laxe, xa forma parte dos fondos filmográficos de cinemalugo.tv, un espazo web impulsado pola área de Cultura da Deputación de Lugo que recolle o patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo ao mesmo tempo que serve de pantalla para dar a coñecer o traballo dos novos creadores neste ámbito, no seu empeño por axudar a promoción e difusión do cinema galego, e particularmente aquel vencellado ás terras de Lugo.

“París”, mediametraxe de 30 minutos de duración, producida por Vicente Vázquez e Óliver Laxe, e dirixida por este último, foi rodada nos Ancares e conta a historia duns amigos deciden compartir unha experiencia cinematográfica en Galiza. O seu propósito é simple, filmar as cousas que lles gustan, sen ningún outro tipo de premisa ou obrigación. Queren que as imaxes reflictan o sentimento que os une a esa xente que se atopan no camiño.

Mostrando instantes concretos e puntuais do período vacacional, a modo instantáneas ou apuntamentos illados no caderno de viaxe Óliver Laxe vai presentando, desde os seus momentos de asueto, distintas cotidianidades dos seus próximos. Desprega retratos íntimos contidos entre paisaxes e potenciais relatos. Ante estas contemplacións o espectador sente como seu a representación da familia allea. Nostalxias amoldándose aos costumes do esparexemento. Aínda que un acaba preguntándose ao final, pero onde está París?.

O proxecto cinemalugo.tv está formado fundamentalmente por películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema. Non se trata dun proxecto pechado, e neste senso dende a área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo fan un chamamento a todos aqueles a aquelas que queiran participar neste proxecto.

Exit mobile version