Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública denuncia persecución política pola Subdelegación do Goberno do Estado

A Mariña, 1 de novembro de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou que a Subdelegación do Goberno do Estado non cesa na súa persecución política mantendo dúas sancións por importe de 750 euros pola concentración convocada o 2 de marzo deste ano en Burela na defensa da sanidade pública. Despois da presentación de dous recursos contra sendas sancións iniciais de 1.500 euros este organismo estatal rebaixou á metade as sancións pero mantén en resolucións recibidas o 21 e 23 de outubro a mesma descrición dos feitos sen atender as alegacións presentadas nin ter en conta as provocacións constantes de persoas asistentes ao congreso provincial do Partido Popular. Esta mesma semana foi analizada a situación e concluíuse presentar recurso de alzada e unha campaña de recollida de apoios para facer fronte ás sancións xa que de non prosperar só quedaría a vía do contencioso.

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou que a Sub-delegación do Goberno do Estado en Lugo mantén a súa persecución política intentando amordazar o traballo do colectivo na defensa da sanidade pública. Cuestionan o proceder deste organismo que só atendeu parcialmente as alegacións presentadas, rebaixando as primeiras sancións de 1.500 a dúas de 750 euros e tampouco tivo en conta as provocacións de persoas asistentes ao congreso provincial do Partido Popular que levantaron os ánimos de moita xente a unha concentración ruidosa – xa que se trataba dunha cacerolada – pero pacífica. Cuestionan tamén – por esaxerado – o despregue policial efectuado na data da concentración(2 de marzo de 2013) “ moi rápidos para presentar denuncias contra os convocantes e pasivos diante das provocacións dos asistentes ao congreso do Partido Popular con xestos, insultos ou lanzamento de moedas a preferentistas que non constan no expediente”
Nunha reunión celebrada o pasado luns acordaron presentar recurso de alzada que de non prosperar so quedaría a vía do contencioso rematando o procedemento administrativo, polo que en paralelo iniciarán unha campaña de recollida de apoios económicos que axuden a evitar o intento de anular e amordazar a nosa actividade.

Na reunión do luns tamén se informou sobre o contido da asemblea celebrada pasado sábado en Riotorto á que acudiron varias plataformas sanitarias e múltiples colectivos e organizacións preocupadas polo desmantelamento e privatización do sistema sanitario público. A Plataforma acordou “apoiar todas as iniciativas dirixidas a parar o proceso de degradación e privatización iniciado polos gobernos do Partido Popular” que responde unicamente a impoñer o modelo ideolóxico neoliberal dirixido á eliminación do estado social.
Para a Plataforma os gobernos galego e estatal están superando barreiras na calidade asistencial que requiren unha contestación dura e contundente do conxunto da sociedade, medidas como o repagamento de medicamentos, o pago de próteses, a anunciada aplicación do repago de medicamentos de subministro na farmacia hospitalaria abriron xa, e seguen abrindo portas á exclusión do sistema sanitario público de amplas capas da sociedade.

Exit mobile version