O rexedor sinalou que “se trata dun día importante para Burela, pero máis para os propietarios das parcelas da urbanización. Despois de oito anos de moitos trámites e de moito traballo logramos abrir esta unidade de actuación”. González Barcia lembrou e agradeceu “a todas as persoas que impulsaron, traballaron e se esforzaron ao longo destes anos para que isto saise adiante, lamentablemente algunha delas xa non está entre nosoutros”.
O alcalde de Burela dixo que “a situación actual non nos permite pensar que en Torrentes se poida actuar de xeito inmediato, pero hai que sembrar o que aconteceu na zona do Ensanche cando se creou e ver como se atopa hoxe. O Ensanche xurdiu no ano 1968 e 45 anos despois podemos ver o que chegou a ser para Burela. A Torrentes haberá que darlle tempo, pero será un referente moi importante no urbanismo do noso concello”. O rexedor agarda que “a situación económica mellore para ver o despegue de Torrentes”.
José Mª González Barcia subliñou que “a unidade de actuación conta con todos os servizos, mobiliario urbano, árbores, alumeado”. E lembrou que “o alumeado estará parcialmente acendido, será alí onde é obligatorio: nas interseccións das rúas e nos pasos de peóns para garantir a seguridade destes e do tráfico rodado. Quedan algúns flecos administrativos pendentes, que nos vindeiros meses quedarán definitivamente pechados”. O alcalde dixo que “os trámites que teñen que ver coa regularización da propiedade remataron coa entrega das separatas aos propietarios”.