Site icon Crónica3.com A Mariña

A voceira socialista de Emprego denuncia que a provincia sexa “unha das máis perxudicadas pola sangría do paro”

A voceira da Secretaría de Emprego do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo, Gloria María Prada, lamentou este martes, unha vez publicados os datos oficiais do paro, que a provincia de Lugo continúe sendo “unha das máis perxudicadas de toda Galicia por esta sangría iniciada dende que o Partido Popular está a gobernar en Madrid e na Xunta”. Proba delo, asegura a socialista, é que na actualidade Lugo conta con 114.872 afiliados á Seguridade Social, é dicir, un 0,79% menos que no pasado mes de setembro; período no que a provincia rexistrou 115.790 afiliados ó Sistema laboral e 25.845 desempregados, ou o que é o mesmo, un 2,28% máis de persoas sen traballo con respecto ó mes de agosto.

A este respecto, a voceira de Emprego subliñou que “un mes máis temos que soportar como se reduce o número de cotizantes e os nosos dirixentes non están a facer nada para frear esta caída en picado. Estou convencida de que nos volverán a maquillar os datos, pero realidade só hai unha: con Feijóo e Rajoy esta provincia ten máis paro ca nunca”.

O futuro laboral lucense non se presenta “moito máis alentador”
Gloria María Prada incidiu, ademais, en que o futuro laboral lucense non se presenta “moito máis alentador” nos vindeiros meses, tendo en conta os Orzamentos que a Xunta de Galicia vén de presentar para o vindeiro ano. Segundo afirma a socialita, as contas autonómicas tan só contribuirán a xerar “máis paro do que xa temos. Hai que dicir que, a pesares da propaganda oficial, os datos son tozudos. Curiosamente, dende que o Sr. Feijóo dirixe a Xunta o gasto en programas para políticas activas contra o paro descendeu un 60%, e un 9% con respecto a 2013”.

“Esta é a única verdade. Fíxense: en 2014, a Xunta de Galicia destinará 21 millóns de euros menos a Sanidade; 20 millóns menos para Educación –non hai máis que ver a política dos comedores escolares-; 20 millóns de euros menos para a dinamización do medio rural; 19 millóns menos para a promoción do emprego e 15 millóns de euros menos para actuacións medioambientais. Con esta realidade, como vai aumentar o número de afiliados ó campo nesta provincia, ó sector servizos, á pesca…. Este descenso é imparable. O PP estanos levando ós galegos e, ós lucenses en particular, a un total desamparo. E o que é peor, non está a facer nada para evitalo”.

As contas certifican, tal e como reiterou Gloria Prada, que o obxectivo do Executivo galego é gastar máis en pago da débeda que en Educación, por exemplo. Concretamente, serán 2.071 millóns de euros, un 427% máis que o destinado no último ano do goberno de Touriño. Para a voceira de Desemprego, esta cuestión demostra “que esa imaxe que queren transmitir Feijóo e o PP de excelentes xestores está moi lonxe da realidade. A débeda pública, diga o que diga Feijóo, seguirá a medrar, co que o endebedamento total se achegará ós 9.900 millóns de euros en 2014”.

Exit mobile version